Close-Up: cine e perspectiva de xénero
Do 8 de outubro de 2024 ao 28 de xuño de 2025
Nos últimos anos o cinema español dirixido por mulleres non só consolidou a súa presenza no número de producións estreadas ao ano (aínda con moito camiño por percorrer no que toca á equiparación total coas dirixidas por homes, mais que marca unha clara liña de avance) senón tamén, e sobre todo, no seu recoñecemento, tanto internacional como nacional, e por parte da crítica e do público. O Oso de Ouro do Festival de Berlín que obtivo Carla Simón en 2022 por Alcarràs converteuna na primeira muller española en gañar un dos catro festivais de serie A máis importantes. Apenas un ano despois sería a cineasta vasca afincada en Galicia, Jaione Camborda, quen se convertería, a un tempo, na primeira muller española en obter a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. Con todo, son só a punta dun iceberg que levou, por exemplo, as películas de Elena López Riera (El auga, 2022) ou Elena Martín (Creatura, 2023) á Quincena de cineastas de Cannes ou a Clara Roquet (Libertad, 2021) á Semana da crítica, nestes mesmos anos. Tamén os premios Goya recoñeceron no apartado de dirección novel os traballos de Arantxa Echevarría (Carmen y Lola, 2018), Belén Funes (La hija de un ladrón, 2019), Pilar Palomero (Las niñas, 2020), Alauda Ruiz de Azúa (Cinco lobitos, 2022) e Estibaliz Urresola (20.000 especies de abejas, 2023), o que, incluíndo o Goya a Carla Simón por Verano 1993 e a Roquet por Libertad, supón sete anos consecutivos de mulleres premiadas nesta categoría. As cifras de venda de entradas destas películas, aínda coas diferenzas ineludibles entre unhas e outras, confirman á súa vez un interese e unha visibilización cada vez maiores.
Isto colócanos fronte a unha apaixonante conclusión: vivimos un momento esencial de mudanza e transformación no que á presenza e ao valor das mulleres cineastas españolas se refire e propoñemos con este ciclo afondar de xeito pausado e mantido no tempo nunha reflexión que é urxente e necesaria, mais emocionante e suxeita a constante evolución e transformación, polo mesmo feito de producirse sobre a marcha, mentres os acontecementos se suceden. Unha situación, a de España, que é ademais o reflexo da que se vive noutros contextos internacionais e que nos permite pensar na posibilidade de extrapolar, abrir e estender a reflexión a outras latitudes para abranxer cinematografías e cineastas doutras nacionalidades. Trátase ademais dun proceso onde conflúen producións de moi distintos tipos, desde un punto de vista financeiro, mais nomeadamente en canto ás propostas estéticas e creativas. Un dos trazos máis valiosos de todo este fenómeno e que buscamos aquí destacar (en contra do que moitas veces se tratou de cualificar como un único tipo de ‘mirada feminina’) é precisamente a valiosa heteroxeneidade das propostas tanto nas súas narrativas como nas súas formas.
É certo que houbo xa, desde hai anos, propostas de reflexión sobre o papel da muller no cinema español, aínda que xeralmente propuxéronse como ‘eventos’ (encontros, mesas redondas, ciclos, celebracións puntuais do día da muller) pechados, protagonizados exclusivamente por mulleres e con apenas repercusión fóra dunha certa ‘comunidade’. Con este ciclo buscamos abrir e estender o debate a todos, convidar a unha participación colectiva para promover unha discusión que non pode ser xa só das mulleres, que nos concirne a todos e que, de non ser interseccional, non entendemos.
E para iso propoñemos un programa que nunha tempada completa (de outubro a xuño) se desenvolve en tres mesas redondas (unha cada tres meses) e nove encontros con cineastas. As mesas redondas centraranse na discusión aberta sobre a introdución da perspectiva de xénero en catro ámbitos esenciais no terreo creativo e industrial do noso cinema: a produción, a distribución, a programación e a crítica. Nos encontros terá lugar unha ampla entrevista previa á proxección dunha película e tamén un coloquio aberto co público tras o visionado. Abórdase, así, non só a traxectoria das e dos convidados, -os seus principais intereses e as súas particulares formas de traballo- senón tamén toda unha serie de cuestións xerais ao redor dos retos actuais da creación cinematográfica dirixida por mulleres.
Trataremos, pois, sobre a renovación da representación da muller no cinema, que cuestiona os papeis de xénero e destaca experiencias multidimensionais; a violencia sexual; o tecido das relacións familiares e coa contorna; o abandono da idealización das relacións de parella; ou o traslado das raíces autobiográficas ás tramas. Tamén das hibridacións entre ficción e documental que poñen o real en primeiro termo e da posibilidade de rescatar e visibilizar, a través da sétima arte, mulleres esquecidas da historia ou de realizar unha relectura das súas vidas e das súas contribucións a través do xénero do biopic.
Por outra banda, coa finalidade, precisamente, de xerar un debate interseccional, contaremos con parellas de cineastas ou de director/a acompañado/a de guionista ou de responsable de produción ou outras áreas, así como con algún colectivo de cineastas, con quen dialogaremos sobre como construír un punto de vista creativo desde o común. Entre as cineastas xa confirmadas para protagonizar os encontros están, entre outras, Carla Simón, Pilar Palomero, Jonás Trueba e Itsaso Arana, Elena López Riera ou Albert Serra.
Un programa plural, en suma, nos contidos e nos convidados, que pretende trazar novas xenealoxías e poñer en valor a renovación dos discursos, co que tentaremos progresar no deseño dunha cartografía (necesariamente incompleta) que comprenda a todos e que se atopa en constante e emocionante evolución e transformación.
Jara Yáñez e Elsa Tébar