
Volveréis
Itsaso Arana, Vito Sanz, Fernando Trueba, Jon Viar, Ana Risueño
- 114 min.
Ale e Álex están a piques de cumprir os 40 e levan sendo parella media vida. Cando asumen que chegou o momento de separarse, deciden celebralo facendo unha festa na que poder honrar o seu amor e todo o tempo que pasaron xuntos. Mais os seus amigos, os convidados á festa, non acaban de crer que vaian en serio nin coa festa nin coa separación.
-
Close-Up: cine e perspectiva de xénero
Encontro con Itsaso Arana e Jonás Trueba
Volveréis
Versión lingüística:VOFormato:DCPEntrada gratis.
-
Close-Up: cine e perspectiva de xénero
Volveréis
Versión lingüística:VOFormato:DCPEntrada gratis.
- Ano:2024
- Países de produción: España, Francia
- Guión: Jonás Trueba, Itsaso Arana, Vito Sanz
- Fotografía: Santiago Racaj
- Montaxe: Marta Velasco
- Produtora(s): Los Ilusos Films, Les Films du Worso
-
Crítica do filme
Jara Yáñez, Àngel Quintana (Caimán. Cuadernos de Cine)
Close-up. Encontro con Itsaso Arana e Jonás Trueba. (11/03/25)
Modera Jara Yáñez, comisaria do ciclo.
A vida feita cine
Obra mestra de Jonás Trueba, estreada en Cannes con grande éxito de crítica –coouse no top 10 de 2024 para Cahiers du Cinéma– e público. O cine de Trueba sempre partiu da experiencia. Aquí a trama inspírase nunha anécdota de algo que contaba o seu pai, Fernando, que na película dá vida ao proxenitor de Ale (Itsaso Arana) nun par de aparicións ontolóxicas. Arana é parella de Trueba fillo na vida real e é seguro que moitas das conversas da fita, sobre por que, por exemplo, 10, la mujer perfecta (Blake Edwards, 1979) é unha película machista, forman parte do seu día a día. O trío artístico e sentimental complétao Vito Sanz, mozo na ficción de Arana, con quen xa tiña unha relación en La virgen de agosto (Jonás Trueba, 2019). Ese guión asinábano Trueba e Arana, aquí engádese Sanz, quen ademais cede filmacións persoais para un particular flashback e quen se entrega como poucas veces o fixo na súa carreira. Son a súa e a de Arana interpretacións complexísimas, que mostran con naturalismo o esgazadura e a luminosidade que os seus papeis requiren.
Ademais de a Edwards, hai citas directas ou indirectas ás comedias de remarriage do Hollywood clásico e, por suposto, a Ingmar Bergman e os seus Secretos de un matrimonio (1973). É Volveréis unha película moi cinéfila. Friedrich Nietzsche e Søren Kierkegaard están moi presentes pola idea da repetición e cítanse explicitamente dous libros de Stanley Cavell sobre esas comedias clásicas de Hollywood. De feito, o Fernando Trueba de ficción recomenda algunhas destas obras a Ale, cunha reflexión universal: “Que vai facer un pai senón dar bibliografía aos fillos”. A lección calou sen dúbida en Jonás. Desde a súa ópera prima Todas las canciones hablan de mí (2010) cine, literatura e música nutriron unha filmografía que só se entende desde a translación do vivido, case en tempo presente, á gran pantalla. Por iso se o seu cine sempre tivo unha gran forza de relato xeracional, é pola honestidade coa que conta as súas historias.
As múltiples referencias a outras obras, case a modo de ensaio ficcionado, construíron ese estilo moi metatextual, perfeccionado en Volveréis a conta da profesión de Ale: cineasta. O personaxe de Arana monta unha ficción que acaba de filmar sobre unha ruptura, protagonizada por Álex-Sanz, á vez que pasa por esa experiencia persoal. Así, os distintos niveis de narración confúndense e mestúranse, reflexionando a través da posta en escena e a montaxe sobre os temas tratados. A familia dos Ilusos alcanza neste aspecto novas cotas de depuración formal, o que, unido a esa xenuína honestidade do equipo, máis xenerosa que nunca, converte a Volveréis nunha gran película.