(S8) 10ª Mostra de Cinema Periférico
Do 1 de xuño de 2019 ao 8 de xuño de 2019
O (S8) chega xa á súa décima edición e consolídase ao longo destes anos como cita ineludible para a comunidade do cine experimental, cinéfilos e simpatizantes da vangarda. Para celebrar esta década, a selección de 2019 ábrese cunha figura fundacional do cine experimental: o británico Malcolm Le Grice. Pioneiro en campos como o cine expandido e o cine materialista/estrutural (non só no lado da creación, senón no lado da teoría e da escritura), Le Grice foi unha das cabezas da mítica London Film-makers Coop nos sesenta. Unha ousadía formal que se foi estendendo a traballos pioneiros en vídeo analóxico, en dixital e en 3D, en forma de películas, instalacións e proxectos performativos. O programa dedicado a Le Grice abranguerá mostras de todo isto a través dos dous programas de películas que se completan cunha máster class e unha noite dedicada ás súas performances en 16 mm e a pezas multipantalla nese formato na Fundación Luis Seoane.
Outro dos puntais da programación deste ano é un foco dedicado á restauración e preservación de cine experimental que congregará na Coruña a algúns dos profesionais máis interesantes deste campo. Nese sentido, Ross Lipman (Notfilm) presentará a súa conferencia performativa The Exploding Digital Inevitable, sobre a restauración de Crossroads, película de Bruce Conner feita con material do exército americano e musicalizada por Terry Riley, á que lle seguirá a proxección do filme de Conner restaurado. Tamén contaremos coa presenza de Bill Brand, un dos pioneiros en materia de restauración de cine experimental en formatos como o 16 mm e o súper 8 a través da súa empresa radicada en Nova York BB Optics. Poderemos ver unha proxección dos filmes de Brand, intimamente ligados ao seu labor como restaurador. Mark Toscano, responsable do traballo de preservación de películas experimentais levado a termo pola Academia do Cine estadounidense, traerá ao CGAI unha carta branca dalgunhas das súas máis brillantes obras restauradas, entre as que se inclúen nomes como Barbara Hammer, James Benning e Thom Andersen, entre outros. Un foco sobre un tema urxente que se completa cun ciclo de conferencias e unha mesa redonda.
Seguindo o ronsel da carta branca a unha distribuidora lexendaria de cine experimental, este ano Canyon Cinema cede a testemuña a LUX London, institución que xurdiu como cooperativa hai máis de 50 anos. María Palacios Cruz, a súa actual directora, elaborou para a ocasión unha escolma de obras delicadas e significativas da colección que inclúe películas de cineastas como Margaret Tait, Luke Fowler, Manon de Boer e Laida Lertxundi, entre outras, baixo o nome “Nothing is Something: Gestures from the Lux Collection”.
A modo de celebración polo pasado e o futuro destes dez anos da Mostra, o programa Viejos y nuevos amigos (que se desprega en dúas partes) recolle dun lado traballos recentes de cineastas que pasaron pola Coruña (como Saul Levine, Naomi Uman, Jodie Mack e Stephen Broomer, por nomear uns poucos) e do outro o traballo de “novas amizades” que se incorporan este año así ao universo (S8).
También ofrecerá o (S8) unha chiscadela e homenaxe ao que foi o faro e guía desta comunidade: Jonas Mekas. E faino mediante un programa elaborado por Andrea Franco e Javier Trigales arredor dalgúns dos cineastas cuxa carreira impulsou dun xeito ou outro Mekas. Invisible Acts recolle así traballos de artistas como Marie Menken, Robert Breer, Hollis Frampton e Jack Smith, entre outras sorpresas.
Sinais en curto, pola súa banda, vólvenos traer un ano máis unha escolla de traballos arriscados e vangardistas feitos por creadores galegos.
Damos cabida tamén na programación á proxección especial dunha das películas xurdidas en 2018 en Input, o espazo de titorización e asesoría do (S8) e da Fundación Luis Seoane: Reunión, de Ilán Serruya, peza próxima ao suspense emocional co vagaroso achegamento dun pai e dun fillo na illa da Reunión, que tivo a súa estrea no festival Doc Lisboa.
Completan a programación do (S8) noutros espazos o traballo de figuras como Charlotte Pryce (que trae por primeira vez a estas terras as súas performances con lanterna máxica), o LEC - Laboratorio Experimental de Cine, colectivo mexicano que achegará unha selección do traballo dos seus cineastas, e dúas performances da man de Elena Pardo, Morris Manuel Trujillo e Azucena Losana (dedicaremos unha sesión ao seu traballo en súper 8 e 16 mm), Madi Piller, cineasta peruana afincada en Canadá que traballa arredor da animación, da experimentación cos soportes analóxicos e a memoria, e Stefano Canapa, que trae unha das súas film performances á sección Desbordamientos. Dentro da sección Sinais, o festival tamén consagrará unha sesión monográfica á artista, fotógrafa e cineasta galega Carla Andrade, e acollerá a proxección da película 7 Limbos de Alexandre Cancelo e Berio Molina, cruzamento entre cine e arte contemporánea que tamén xerará unha serie de accións pola cidade. Outrosí, a oferta complétase cunha presentación do resultado da residencia BAICC, talleres de Madi Piller e Jeannette Muñoz, e unha exposición da fotógrafa Maria Meseguer que reúne a historia do festival en imaxes.
Agradecementos: Malcolm Le Grice, Ross Lipman, Bill Brand, María Palacios, Mark Toscano, Andrea Franco, Javier Trigales, Ilán Serruya, Saul Levine, Valentina Alvarado, Janie Geiser, Deb Todd, Bruno Delgado Ramo, Naomi Uman, Jeanette Muñoz, Stephen Broomer, Jodie Mack, Malena Szlam, Dan Browne, Jacques Perconte, Gonzalo de Pedro, Ana Estévez, Acción Cultural Española, LUX London, Academy Film Archive, Canyon Cinema, Light Cone, Arsenal, Fundación Luis Seoane, Chanfaina LAB.