
Bill Brand: O cine como segunda pel
- 70 minutos
HUEVOS A LA MEXICANA
Bill Brand, EE. UU., 2018, vídeo, 13 min.
Esta é a miña contribución analóxica dixital a “a procura do tesouro de Xochimilco” en Ciudad de México o último día de "HAZLO TU MISMO," Do-it-Yourself Independent Analog Film Laboratory Encounter, o 9 de setembro de 2018. (Bill Brand)
SUSIE'S GHOST
Bill Brand en colaboración con Ruthie Marantz, EE. UU., 2011, 16mm, 7 min.
Susie’s Ghost trata sobre o misterio das marcas que facemos e que deixamos. A “Susie” do título refírese a unha irmá, pero a “pantasma” refírese de maneira máis xeral ao sentimento persistente de perda. Tanto a fotografía como a actuación expresan unha presenza tentativa e un sentido difuso da desaparición. Busca algo a rapaza? Está realmente alí? Filmamos con película de 16 mm anella no meu barrio no centro de Manhattan, xusto antes de que a febre da construción borrase as últimas pegadas do distrito fabril ao que me mudara anos antes. (B.B.)
SKINSIDE OUT
Bill Brand e Katy Martin, EE. UU., 16mm, 2002, 10 min.
En Skinside Out vemos unha pintura sobre pel, realizada con trazo expresionista sobre os corpos de ambos cineastas. A énfase ponse no pracer de mirar —ao bordo da repulsión— e nas implicacións de facer público un xesto en esencia privado. A película sitúa á pintura como un acto de xénero, corpóreo, cuxa posición se transforma continuamente dentro dun contexto cambiante. Imaxes filmadas no estudio se xustapoñen a metraxe dunha barcaza de obra no río Hudson. Examinando ambas cousas en relación á superficie, a obra busca paradoxicamente o que hai no interior, mentres se cuestiona quen somos e a onde nos estamos levando. (B.B.)
COALFIELDS
Bill Brand, EE. UU., 1984, 16mm, 39 min.
As paisaxes industriais de Virginia Occidental son “recortadas” na copiadora óptica nun collage de formas dentadas que transforma as escenas fotografadas nun campo cinético semiabstracto. A técnica desenvolvida nas miñas películas anteriores expándese ao incorporar ao meu idioma visual formalmente complexo, cuestións sociais, sexuais, persoais e políticas. Fiada dentro do tecido do filme está a historia de Fred Carter, un mineiro retirado e activista da enfermidade pulmonar mineira, incriminado a causa dos esforzos do Goberno Federal por socavar o movemento pola enfermidade pulmonar mineira e por deter a súa candidatura a presidente da Asociación de Mineros Unidos. A súa historia é contada a través de fragmentos de entrevistas documentais e dun relato poético que forma un contratema dentro do filme. O contido temático do filme a a súa visualización formal están en precario equilibrio.
Texto poético de Kimiko Hahn. Composición sonora de Earl Howard.
(B.B.)
Bill Brand: O cine coma segunda pel
(S8) Mostra de Cinema Periférico
En 2019 cúmprense cincuenta anos desde que Bill Brand comezou a facer cine. Dende 1969 leva facendo películas, nunha práctica que se estende polo seu traballo na conservación e restauración de cine, polo debuxo, a pintura e a instalación, e como autor de obras únicas na súa especie como é o caso de Masstransiscope (1980), insólito mural que transformou o metro de Brooklyn nun enorme zoótropo. Todas as disciplinas que se foron superpoñendo e retroalimentando.
Sobre todo nos seus comezos, o enxeño técnico foi unha peza crucial na traxectoria de Brand: aínda sendo un estudante, traballo xunto a Paul Sharits axudándoo a xerar os métodos, dispositivos e técnicas para levar a cabo as súas ideas, nun traballo de ida e volta que reverteu nun enfoque do cine fotograma a fotograma, e nos sistemas, preceptos e estruturas das películas de Brand (en especial nos anos setenta). A súa destreza no emprego da copiadora óptica foi labrando o camiño de Bill Brand na conservación de cine (BB Optics é como se chama a súa empresa), que comezou de xeito informal, inchando películas de amigos a 16mm e facendo favores varios; sen decatarnos, o seu traballo estivo presente no (S8) a través de, por exemplo, as copias que vimos das obras de artistas como Saul Levine, Ken Jacobs, Lewis Klahr ou Scott Stark, por nomear só a uns poucos. É tamén pioneiro e notable no seu traballo na preservación do cine en 8mm e super 8, que tan vital é para o evento que nos ocupa. Pero precisamente da destreza coa copiadora óptica deste “conservador accidental” (Accidental Preservationist, como se chama a si mesmo na entrevista que lle fixera Brian L. Frye en 2006), foi clave na súa obra, nun distintivo emprego de reservas e máscaras para entretecer diferentes planos de película nun só fotograma, en complexas estruturas tanto xeométricas como rítmicas. E de volta ao seu traballo na conservación de cine, o seu propio entendemento como cineasta experimental, a súa sensibilidade e a súa profunda comprensión do material co que traballa, fixeron del unha figura imprescindible nese campo, traballo que tamén diversifica con encargas tan inverosímiles como o labor de restaurar as películas en 8mm do cotián e o traballo de Nixon durante o seu tempo na Casablanca filmadas polos seus colaboradores, por exemplo.
A partir dos oitenta, a súa obra comeza a transitar máis os camiños da non ficción poética, nos que unha visión crítica e política de certas realidades se conxuga co emprego e xogo coa paisaxe, sen perder de vista o traballo formal da década precedente. Nos noventa tamén entra na ecuación o seu propio corpo e a exploración de novos formatos como o vídeo, con películas como My Father’s Leg, apertura de Suite, na que se ispe, literalmente, para falar dunha enfermidade renal poliquística hereditaria que o axexa. A presenza do corpo enlaza tamén coa pintura a través da colaboración coa súa parella, Katy Martin, pintora, en películas cun ángulo máis performativo.
Di Robert Seydel sobre este tema que “Na obra de Bill Brand o corpo rexorde. É á vez lenzo estriado, localización soberana do eu, código e signo histórico, familiar e político, e posible campo central da resurrección. Para alguén que vive e crea dende o interior da densa e poeirenta biblioteca da súa mente, esta concentración no corpo vulnerable se me antolla á vez excitante e en certo modo inquietante. A “vida mortal” de Yeats exponse por todas partes. A película, esa cadea invisible de luz e de díxitos codificados, leva aquí a carga metafísica do corpo. As películas de Bill insisten en que o corpo é percepción, e é o marco perceptivo do cine. No presente, sitúase como o lugar onde se atopan o trauma, a arte e as cínicas políticas do goberno e das grandes empresas.”
Todos estes formatos e enfoques conviven na súa obra dos últimos dez anos, na que a súa bagaxe conflúe, dende o máis ligado á animación e á estrutura, ata o máis próximo ao persoal e ao orgánico. Anos nos que tamén seguiu crecendo o traballo de Brand sobre papel, espontáneo e libre.
Esta selección de películas, preparada polo propio Brand e consonte as súas propias palabras, pon énfase no seu traballo “en cine analóxico coa copiadora óptica e pon en xogo temas como a paisaxe, o corpo, a pintura e o debuxo”. Unha selección que se abre coa recente Huevos a la mexicana (2018), na que a súa coñecida estratexia de reservas cambiantes na imaxe trasládase ao campo do dixital; séguelle Susie's Ghost (2011), un paseo fantasmal por un barrio neoiorquino; Skinside Out (2002) é unha das súas colaboracións fílmicas coa artista Katy Martin; pechándose cun dos seus traballos máis intensos e complexos, Coalfields (1984), na que conflúen a paisaxe, a súa atención ao corpo e a súa decadencia, o seu profuso traballo coa copiadora óptica e unha visión profunda, política e empática, do material que manexa.
Unha obra amplísima e difícil de explicar, que percorre múltiples camiños con paixón e inventiva, e que fainos pensar que, en certo modo, o cine (e por extensión, a imaxe en todas as súas acepcións) é a segunda pel de Bill Brand.