
Vellos e novos amigos (2): Liñas e traxectos
- 65 minutos
LEÓN EN LEÓN
Naomi Uman, México, Canadá, work in progress, 16mm a vídeo, 3 min.
Un traballo que aínda está por rematar sobre un can e unha cidade, homónimos que se atopan.
BUM BUM BUM
Naomi Uman, México, work in progress, 16mm a vídeo, 3 min.
Unha película que se ri da fin do mundo.
PUCHUNCAVÍ
Jeanette Muñoz, Chile, 2019, 16mm, 12 min.
Puchuncavi é unha colección de escenas e fragmentos cinematográficos realizados nun “lugar elixido” que van formando lentamente a través dos anos o retrato dun sitio. Un pobo costeiro chileno, que foi antigamente unha estación da ruta do Inca e que hoxe é un portal de carga pesqueira.
FOUNTAINS OF PARIS
Stephen Broomer, Canadá, 2018, 16mm a vídeo, 9 min.
Nun xogo de superposicións e cores, case como vidreiras ou lámpadas de Tiffany fílmicas, a auga e as fontes de París entran en xogo neste filme, que comeza a se imaxinar a partir das fotografías das rúas de Jacques Madvo en París en 1961. Un relanzo de paz e cor despois da dor e a axitación de Potamkin.
HOARDERS WITHOUT BORDERS 1.0
Jodie Mack, EE. UU., 2018, 16mm a vídeo, 5 min.
A colección de minerais de Mary Johnson, repleta de belas rarezas, entra nun novo estado físico e cinético grazas ás mans (neste caso pantasmais) de Jodie Mack. As ciencias naturais pasadas polo halo sobrenatural da animación e o inigualable entendemento do cine de Mack.
ALTIPLANO
Malena Szlam, Chile, Arxentina, Canadá, 2018, 35mm, 16 min.
Filmada na Cordilleira dos Andes, en territorios dos pobos atacameño, aymara e calchaquí-diaguita en Chile e Arxentina, Altiplano ten lugar dentro dun universo xeolóxico de salitreiras ancestrais, desertos volcánicos e lagos coloridos. Acoplado cunha paisaxe sonora producida a partir de infrasóns de volcáns, géyseres, baleas azuis e máis, o filme revela unha terra antiga que é testemuña do que é, foi e será.
LINES OF FORCE
Dan Browne, Canadá, 2018, vídeo, 2 min.
Co seu emprego único da luz, as superposicións e a cor, Dan Browne pon a descuberto as liñas de forza ocultas na cidade, fíos electrizados invisibles que parecen animar o frenesí da cidade coa súa carga estática.
OR / OR, HAWICK, MAY 18
Jacques Perconte, Francia, 2018, vídeo, 10 min.
Sobre o río Teviot en Escocia, Perconte viu unha cor no horizonte similar á das pinturas de Gustav Klimt. O cineasta traslada esa fascinación aos patróns fluídos dunha escena descomposta dixitalmente ata un fin radical, cando as reixas de cores varias se funden de novo na cor dourada de Klimt.
THE SOUND DRIFTS
Stefano Canapa, Francia, 2019, 35mm, 8 min.
As bandas de son ópticas toman o fotograma nesta película, en hipnóticas liñas brancas sobre negro. Entre a op art, a arte cinética, o flicker film e a experimentación visual e sonora, Canapa crea esta peza a partir do son da súa anterior película, Jérôme Noetinger, na que filma unha performance do artista sonoro francés.
- Ano:2019
- Países de produción: Argentina, Canadá, Chile, Estados Unidos, Francia, México
Vellos e novos amigos
(S8) Mostra de Cinema Periférico
Botando a vista atrás, moitas son as amizades que fixemos a través destas nove edicións pasadas do (S8). Cada edición é unha constelación desta galaxia que fomos construíndo, habitada por unha serie de cineastas aos que admiramos e apreciamos. E que, ademais de vivir nela a través dos seus traballos, fano a través das lembranzas dos días que compartimos en A Coruña. A través deste programa queremos seguir en contacto con estes cineastas, nunha sorte de correspondencia na que as súas novas películas funcionarían como misivas que dan conta de como están estas vellas e queridas amizades. Recibimos así os traballos en progreso de Naomi Uman, que nos acompañou na edición de 2012, como tamén o fixo Janie Geiser, que viñera xunto a Lewis Klahr para o programa dedicado ao collage na animación, “Un novo monstro”, e que tamén formou parte daquela edición de “Obxectos e aparicións” de 2017. Malena Szlam mándanos o seu impoñente Altiplano, despois de visitarnos en 2014 da man do programa traído por Media City. Jodie Mack (quen incansable cantou baixo a choiva en A Coruña en 2014) volve unha vez máis ás nosas pantallas coa súa desbordante imaxinación, da que tamén recibimos novas en 2016 e 2018. Uns cantos daqueles “novos impresionistas” de 2016 acompáñannos: Stephen Broomer (que repetiu en 2017 co seu Potamkin) e Jacques Perconte, xunto a Dan Browne e Robert Todd, que nos visitaron esa edición a través das súas películas. A mesma na que lle dedicamos un foco ao incombustible Saul Levine, que nos envía esta vez unha nova entrega dos seus Light Licks. Atopamos así un espazo no que poder seguir vendo películas duns cineastas aos que non esquecemos tras a súa partida, e que xa forman parte do que somos.
Por outra banda, a galaxia (S8) segue a expandirse, non só a través das novas retrospectivas e focos, senón a través destas outras novas amizades, brillantes asteroides que queremos acoller no noso sistema. É así como chega Jeannette Muñoz e se instala para quedarse, co seu traballo en progreso continuo, Puchuncaví, e dunha cine conferencia na que poñernos ao día dos seus traballos pasados. Stefano Canapa entra cos seus experimentos visuais e sonoros, que se estenden ademais aos Desbordamentos coa súa performance Wavelength. E finalmente, Valentina Alvarado e Bruno Delgado Ramo, empuñando cámaras de super 8, ábrense paso cara un futuro no que agardamos poder seguir os seus pasos.