Vellos e novos amigos (1): A luz na cámara
- 62 minutos
LIGHT LICKS: PARDES: COUNTING FLOWERS ON THE WALL
Saul Levine, EE. UU., 2018, super 8 a 16mm, 12 min.
Light Licks é unha serie de películas iniciada en 1999, nas que Levine a miúdo inunda a cámara de luz, unha luz que se desborda máis alá da fiestra cara os fotogramas aínda sen expor. Filmando fotograma a fotograma, Levine fai así estas “películas extáticas e pestanexantes” inspiradas polo jazz e a mística visionaria, o cine como medio para a improvisación. Esta nova entrega evoca de novo o mítico xardín do paraíso persa, Pardes, nunha película repleta de flores, cores e luz agarimosas
CHANCES DE LUZ
Valentina Alvarado, Venezuela, España, 2017, super 8 a vídeo, 4 min.
Moito escoitamos do colapso eléctrico en Venezuela recentemente. Valentina Alvarado, facendo da escaseza unha oportunidade, comezou a capturar coa súa cámara eses “chances de luz” durante os apagamentos no seu natal Maracaibo, nunha delicada peza entre a luz e a escuridade, sorte de rebelión lumínica en pequeno formato.
FLUORESCENT GIRL
Janie Geiser, EE. UU., 2019, vídeo, 2 min.
Reanimar un pasado imaxinado, facer xurdir pantasmas fronte aos nosos ollos. Iso fai Geiser nas súas pezas conmovedoras. Nesta ocasión, a imaxe dunha nena atopada nun libro de fotografía (Tailor’s Apprentice, de Paul Strand) emerxendo das luces e as sombras entre reflexos é o punto de partida.
MATTERS OF LIFE AND DEATH
Robert Todd, EE. UU., 2017, 16mm, 13 min.
Robert Todd deixou este mundo fai pouco (case como preludio dunha longa listaxe de cineastas tristemente falecidos recentemente), deixando tras de si un incrible legado do que forma parte esta peza sobre cuestións da vida e da morte. Co seu característico emprego da luz, dos tempos e da cámara, que fai xurdir o mundo ante os nosos ollos, vai así debullando Todd unha a unha as capas da vida.
UNHA PELÍCULA EN COR
Bruno Delgado Ramo, España, Bélxica, 2019, super 8, 31 min.
Partindo do libro de Xavier de Maistre, Viaje alrededor de mi habitación, Bruno Delgado proponse facer unha película sen saír da súa habitación, na que moitas veces é filmador e filmado, e na que a habitación é habitación e tamén cámara. Os libros, a roupa, unha froita, a luz, o ceo a través de obxectos varios, a cámara, a habitación. Todo nunha reflexión continua sobre o encadre, o soporte (as posibilidades da cámara de cine) e o universo mesmo contido nuns poucos metros cadrados de chan, e nos escasos milímetros da película de super 8.
- Ano:2019
- Países de produción: España, Estados Unidos, Venezuela
Vellos e novos amigos
(S8) Mostra de Cinema Periférico
Botando a vista atrás, moitas son as amizades que fixemos a través destas nove edicións pasadas do (S8). Cada edición é unha constelación desta galaxia que fomos construíndo, habitada por unha serie de cineastas aos que admiramos e apreciamos. E que, ademais de vivir nela a través dos seus traballos, fano a través das lembranzas dos días que compartimos en A Coruña. A través deste programa queremos seguir en contacto con estes cineastas, nunha sorte de correspondencia na que as súas novas películas funcionarían como misivas que dan conta de como están estas vellas e queridas amizades. Recibimos así os traballos en progreso de Naomi Uman, que nos acompañou na edición de 2012, como tamén o fixo Janie Geiser, que viñera xunto a Lewis Klahr para o programa dedicado ao collage na animación, “Un novo monstro”, e que tamén formou parte daquela edición de “Obxectos e aparicións” de 2017. Malena Szlam mándanos o seu impoñente Altiplano, despois de visitarnos en 2014 da man do programa traído por Media City. Jodie Mack (quen incansable cantou baixo a choiva en A Coruña en 2014) volve unha vez máis ás nosas pantallas coa súa desbordante imaxinación, da que tamén recibimos novas en 2016 e 2018. Uns cantos daqueles “novos impresionistas” de 2016 acompáñannos: Stephen Broomer (que repetiu en 2017 co seu Potamkin) e Jacques Perconte, xunto a Dan Browne e Robert Todd, que nos visitaron esa edición a través das súas películas. A mesma na que lle dedicamos un foco ao incombustible Saul Levine, que nos envía esta vez unha nova entrega dos seus Light Licks. Atopamos así un espazo no que poder seguir vendo películas duns cineastas aos que non esquecemos tras a súa partida, e que xa forman parte do que somos.
Por outra banda, a galaxia (S8) segue a expandirse, non só a través das novas retrospectivas e focos, senón a través destas outras novas amizades, brillantes asteroides que queremos acoller no noso sistema. É así como chega Jeannette Muñoz e se instala para quedarse, co seu traballo en progreso continuo, Puchuncaví, e dunha cine conferencia na que poñernos ao día dos seus traballos pasados. Stefano Canapa entra cos seus experimentos visuais e sonoros, que se estenden ademais aos Desbordamentos coa súa performance Wavelength. E finalmente, Valentina Alvarado e Bruno Delgado Ramo, empuñando cámaras de super 8, ábrense paso cara un futuro no que agardamos poder seguir os seus pasos.