
Sinais en curto (2019)
- 63 minutos
ILHA
Alexandre Cancelo, España, 2019, vídeo, 10 min.
Os ecos dunha illa perviven no espazo e na memoria. As voces resoan vivas. Un momento e un lugar, os vivos son sombras que transitan entre a paisaxe descolorida da enseada. A historia pousa no presente. A historia proxecta o seu lamento. Tres trobadoras. Un aparello que atrapa a voz. Unha pintora que trae de volta a cor. "Son illas afortunadas, son terras sen ter lugar. Onde o rei mora esperando. Mais se imos espertando, cala a voz e hai só mar.
A AUGA BRANCA
Margarita Ledo, España, 2019, vídeo, 5 min.
Retrato de Santa Mariña do Monte, esa parroquia ben organizada onde a auga abrolla e desaparece, onde a Virxe da Esperanza ten unha dobre na capela que non se asemella a ela, onde houbo festa, houbo morte e hai ofrendas. Un lugar que mira para ti cos ollos límpidos dunha vaca.
STOCKROOM
Sol Mussa Juane, España, 2018, vídeo, 12 min.
Stockroom é unha curta de xénero documental feito mediante un proceso experimental. Combina imaxes sacadas cunha cámara de man do exterior londiniense co ambiente que se vive nun almacén de traballo, onde os seus traballadores teñen o seu descanso. Trata temas políticos como o gran cambio que sofre a cidade co Brexit, e como isto afecta á súa cidadanía e ao colectivo migrante. Está contado, ademais, desde unha postura subxectiva de alguén que vive a situación. A nivel visual pon en xogo o abstracto para falar da memoria, os cambios e o íntimo.
ULURU
Alberte Pagán, España, 2019, vídeo, 7 min.
Imposible resistirse ao magnetismo de Uluru. Taka Limura, Paul Winkler, Phil Hoffman, os Cantrill… suficientes imaxes sobra a rocha. Cheguei a ela sen intención de filmar nin fotografar. Mais unha vez alí, como resistirse ao magnetismo da rocha, a esa inmensa parede encarnada cargada de historia e de cancións que, a pesar de ser máis baixa, simple e pequena que a veciña Kata Tjuta, te atrae cara o seu interior convidándote a fundirte con ela, a afundirte nela. Terra nativa, catedral do pobo anangu.
Imaxes tomadas cunha tableta mini iPad, seguindo a circunvalación (11 km) en sentido horario baixo unha temperatura que acadou os 42ºC.
CÓMO DESAPARECER
Carlos Martínez-Peñalver, España, 2019, 16mm a vídeo, 5 min.
Joel decide marchar cara un territorio descoñecido, deixando ao seu paso como única pista unhas bobinas de 16mm. Unha mensaxe encriptada onde se entrevé unha viaxe sobre o desapego e a procura dun novo vínculo coa natureza.
REXISTROS. XEOGRAFÍA DE SAN SADURNIÑO
Adrián Canoura, España, 2019, Hi8 a vídeo digital, 15 min.
Con Consuelo Picos.
Unhas árbores, uns animais, luces, cores, espazos...
Unha navegación sensorial polas aldeas de San Sadurniño, onde ver é reter-percibir, onde o ollo non está contaminado e goza a través da aventura da percepción.
Parafraseando a Stan Brakhage, "Cantas cores hai nun campo de herba para o bebé, que gatea ignorante do "verde"? Cantos arcos da vella pode crear a luz para o ollo non educado? Como de consciente das variacións nas ondas de calor pode estar ese ollo?”.
IRMANDADE
Helena Girón y Samuel Delgado, España, 2019, 16mm a vídeo, 9 min.
Unha irmandade de espectros ocúltase baixo as capas do tempo. Tralas descricións manuscritas por Vasco da Ponte, buscamos un pasado mítico que resoa de forma subterránea sobre unha paisaxe chea de presenzas invisibles que se activan e continúan vivas cada vez que pensamos nelas.