
O cine negro de Robert Siodmak
Do 9 de decembro de 2020 ao 29 de xaneiro de 2021
Robert Siodmak (Dresde, 1900-Ascona, 1973) é un cineasta de varias vidas, unha metáfora perfecta dos avatares do século XX. Guionista con seu irmán Curt para a mítica produtora alemá UFA, pasa da Alemaña nazi a Francia, onde realiza varios filmes; volve emigrar, nesta ocasión en plena contenda bélica, a Estados Unidos, e alí desenvolverá unha excelsa traxectoria. A produción americana de Siodmak aparece definida polo cultivo do drama psicolóxico, as achegas baseadas na súa estilización na posta en escena e a contribución ao espertar mesmo do cine negro, o que explica, por outra banda, as concomitancias deste co expresionismo. Visionario de estilo sublime, o estudo que lle dedicaría Hervé Dumont, Robert Siodmak. El maestro del cine negro (1987), vai ser capaz de reabrir a reflexión sobre a súas capacidades, de perfilar o conxunto dunha obra máis coherente ou menos dispersa e ecléctica do que semellaba.
Siodmak resulta un cineasta tan preciso, elegante e realista como expresionista e analista do turbio, un aglutinador das paixóns e neuroses do ser humano en axustada e dúctil correspondencia formal. Títulos exitosos e influíntes como La dama desconocida (Phantom Lady, 1944), primeira “dentada” de gloria en Hollywood; La escalera de caracol (The Spiral Staircase, 1945), a adaptación de Hemingway Forajidos (The Killers, 1946) ou El abrazo de la muerte (Criss Cross, 1949) consagran para sempre a súa traxectoria. Despois do célebre filme de aventuras El temible burlón (The Crimson Pirate, 1952), enésima colaboración con Burt Lancaster, afectado pola caza de bruxas e o clima inestable e reaccionario do Hollywood de comezos dos 50, Siodmak rexeita un contrato con Universal, e instálase outra vez en París. Esta volta a Europa ten fitos como Die Ratten (1955), Oso de Ouro en Berlín, ou El diablo ataca de noche (Nachts, wenn der Teufel kam, 1957) que nos deixa aproximarnos a unha figura popular totémica da cultura alemá como Karl May, para finalizar con frescos históricos como La última aventura del general Custer (Custer of the West, 1967) e La invasión de los bárbaros (Kampf um Rom,I-II, 1968), filmes cos que pecha a súa carreira como director.

La dama desconocida

Pesadilla

La escalera de caracol

A través del espejo

Forajidos

Una vida marcada

El abrazo de la muerte
