La escalera de caracol
The Spiral Staircase
Dorothy McGuire, George Brent, Ethel Barrymore, Kent Smith
- 83 minutos
Unha vaga de crimes afecta a unha poboación. Todos teñen un elemento común: o asasino escolle vítimas femininas con algún problema físico. Unha moza muda, Helen, traballa nunha mansión da localidade coidando dunha muller vella e incapacitada, e nunha noite de tormenta todo o perigo parece virar cara a esta casa. A ollada do asasino está perto. O que podería ser un melodrama vitoriano a través de estilizados movementos de cámara devén en implacable filme de terror gótico, de casa encantada, unha adición de horror e suspense, humor e tenrura, potencia e sofisticación visual, sobre a inocencia perturbada. Un magnífico elenco (especialmente feminino: Dorothy McGuire, Ethel Barrymore, Elsa Lanchester ou Sara Allgood) apoia este filme RKO, nocturno e feito de sombras, un conto de expresividade coreográfica con asasino psicópata (unha das formulacións obsesivas nos títulos de Siodmak nestes anos, anticipatoria de tendencias posteriores, que atinxen ao giallo), salientado por unha pletórica banda sonora e a virtuosa -opresiva- ambientación, deseguida convertido nun enorme éxito.
- Ano:1945
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Mel Dinelli, Robert Siodmak; sobre a novela "Some must watch" de Ethel Lina White
- Fotografía: Nicholas Musuraca
- Montaxe: Harry Marker, Harry Gerstad, Robert Siodmak
- Produtora(s): RKO Radio Pictures