
Forajidos
The Killers
Burt Lancaster, Ava Gardner, Edmond O'Brien, Albert Dekker
- 103 minutos
Nunha pequena poboación, un home é asasinado por dous pistoleiros sen opoñer resistencia ningunha. A compañía de seguros, por medio do seu axente Jim Reardon (excelente Edmond O’Brien), comeza unha pesquisa. Toda a procura de información leva á reconstrución da vida do home asasinado, un exboxeador, o Sueco, a través de testemuños de achegados e xentes da súa vida.
Un dos títulos fetiche do cine negro, exitosa adaptación dun relato de Ernest Hemingway -a versión favorita do escritor sobre as súas narracións- nun libreto asinado por Anthony Veiller, onde colaboran Richard Brooks e, nomeadamente, John Huston, que suxiren unha memorable e renovadora narración a modo de proposta coral. Marcada polos históricos papeis de dous actores novos, nada menos que Burt Lancaster e Ava Gardner, aparece presidida por unha pléiade de elementos relevantes: a exploración do mito da femme fatale e a desmitificación do amor romántico; o modelo de personaxes (antiheroes); a importancia e relativismo do punto de vista; a claustrofobia atmosférica ou a meditada posta en escena.
- Ano:1946
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Anthony Veiller, coa colaboración de Richard Brooks e John Huston; relato de Ernest Hemingway
- Fotografía: Elwood Bredell
- Montaxe: Arthur Hilton
- Produtora(s): Mark Hellinger Productions para Universal