Mostra de Documental Portugués
Do 1 de marzo de 2007 ao 31 de marzo de 2007
En colaboración con IVAC-La Filmoteca e Procur.arte - Associação Cultural.
Oito pezas que presentan a vitalidade do documental portugués contemporáneo, obras de variada factura e diferentes motivos temáticos realizadas entre 1995 e a actualidade.
“Os títulos que forman este ciclo son unha breve mostra do conxunto de achegas do Novo Documental Portugués, unha xeración de cineastas xurdida de forma espontánea durante os anos noventa, e que desde entón se estende tanto en número como en diversidade de estilos. Nun país onde, como en España, non existe unha forte tradición formal nin apoios, sorprende atopar un rango de propostas e miradas tan amplo, que ademais nunca se conforma cunha análise localista ou autocompracente da realidade circundante.
Se hai algunha característica común, tal vez esta sexa o sentimento de desamparo que parecen transmitir os directores —ou o que é o mesmo, eses alter ego que son os protagonistas dos seus filmes. Con maior ou menor grao de nostalxia, de crítica ou de virtuosismo estético, tanto os realizadores como os seus personaxes parecen estar atrapados entre dous tempos, o da Historia e o das historias actuais, as súas historias. Esta terra de ninguén entre dous tempos que é o cine leva a moitos dos novos cineastas a involucrarse en realidades e personaxes nos que resoa con forza a historia recente de Portugal e a do seu amplo legado colonial. Non deixa de ser curioso (aínda que sexa, en definitiva, o trazo máis interesante) que na maioría dos casos os documentais establezan un diálogo trans-xeracional entre un novo/a director/a e unha realidade distante que, se non é unha manifesta ausencia é, cando menos, unha presenza crepuscular. Que esa mirada dos autores sexa distanciada e polo tanto arredada de sentimentalismos ou forzadas xustificacións históricas, é outra das características comúns deste ciclo, tal vez de toda unha xeración que ten por fin a liberdade de aproximarse á súa Historia e á súa imaxe colectiva sen hipotecas previas (só as do autor co seu propio compromiso estilístico)”. Eloy Enciso, “El cine como testigo”, texto escrito para o ciclo.
Agradecementos: Catarina Simâo, Eloy Enciso.