
Espello Vídeo Cine: unha crónica da Galicia dos oitenta
Do 9 de outubro de 2025 ao 20 de decembro de 2025
Anacos de tempo, anacos de nós
O sector audiovisual a inicios dos anos oitenta en Galicia dista moito do que é hoxe. Colectivos dos setenta como Lupa, Enroba ou Imaxe estaban xa disoltos, atrás quedaban as experiencias en cine de Víctor Ruppen, aínda non se crearan nin o Arquivo da Imaxe (1984) nin a TVG (1985), non acontecera Cinegalicia (1989), nin existía a Escola de Imaxe e Son na Coruña (1991). Advertíase un certo agromar da vídeo creación e TVE contaba co seu centro territorial, o que garantía certa cobertura da actualidade galega, mais cunha dependencia excesiva da axenda política.
Neste contexto, nace en 1981 Espello Vídeo Cine, a primeira empresa galega no mercado profesional do vídeo, que traballaba en formato U-matic de 3/4", cun maior ancho que o do vídeo caseiro. Moi rapidamente comezan a gravar a actividade política, empresarial e cultural de Galicia, sendo a súa primeira peza o rexistro da visita que o presidente da Xunta nesa altura, Xosé Quiroga, realizou a París para se reunir nun ámbito celebratorio e xovial cos colectivos da diáspora. Espello establecera contacto previo coas asociacións culturais galegas no estranxeiro e estas relacións coa emigración, seguindo toda unha tradición do cinema galego non profesional, van estar presentes en moitos dos seus vídeos.
O estado das autonomías estaba en construción, foi unha época de cambios de calado para Galicia. Espello Vídeo Cine tiña como principais clientes a administración autonómica, a Deputación da Coruña e concellos desta provincia; mais tamén contaba na súa carteira con empresas que construíron a identidade do país nas últimas décadas como múltiples conserveiras, a desaparecida Mafriesa, Estrella Galicia, Leyma, La Voz de Galicia, Caixa Galicia, a Semana Verde de Silleda, a Fundación Barrié, a Cámara de Comercio da Coruña ou GOA (o xermolo do que hoxe é Inditex).
Así, mediante estes encargos, que poderían pasar por puramente alimenticios e funcionais, a realidade é que Espello Vídeo Cine acabou por rexistrar o que fomos nesa década, realizando unha importantísima crónica deses anos de cambio, ao tempo que realizaban pezas por momentos moi creativas.
Os profesionais que a conformaban entraron sabendo algo en Espello e saíron cun verdadeiro máster en produción e realización de vídeo. Con Marcial Lens e Pepe Castro como ideólogos, a empresa converteuse nunha fábrica de talentos que concibía o audiovisual como un acto de creación colectiva. Todos os traballadores de Espello eran socios con voz e voto e existía igualdade salarial, con independencia do cargo. É imposible citar a todos os que pasaron polas súas filas, dada a dilatada traxectoria, mais cómpre dar algúns exemplos esenciais. O cámara Arximiro García desenvolve co tempo un estilo absolutamente persoal, que se centra na forza dos rostros, na contemplación poética da paisaxe e nun seguimento áxil das accións que lle acaba por dar o oficio. Entre os que realizan as entrevistas e poñen a voz en off, destaca o xornalista Cándido Barral, verdadeira institución de ‘El coruñés opina’. Outros guionistas foron Antonio López Mariño, Manolo Rivas ou Xabier P. DoCampo. Mesmo nos traballos menos persoais da compañía, advírtese a man na montaxe de Manuel Abad, quen nesa década realiza no seo de Espello varias pezas de creación de gran interese como Denantes (1984) e O neno con pernas de pomba (1984). El e outros técnicos como Félix Casado, Miguel Míguez, Manuel Midón, Ovidio Fernández e José Pérez París acabaron por desenvolver unha lonxeva carreira na TVG, a TVE en Galicia ou na Escola de Imaxe e Son, sendo Espello para todos eles un período formativo clave.
Precisamente coa chegada da televisión autonómica, Espello segue a estar aí, mais experimenta paulatinamente unha notable baixada no ritmo de traballo. O seu produtor, Xosé Xoán Cabanas Cao, embárcase en novos proxectos e comeza a facer cinema. O seu fondo, depositado na Filmoteca de Galicia, conta nestes momentos con máis de 300 rexistros de pezas realizadas e máis materiais que aínda se atopan en proceso de documentación ao longo de centos de horas de metraxe. Esas cintas U-matic, hoxe dixitalizadas en case a súa totalidade, van nutrir este programa, centrado sobre todo no primeiro lustro dos oitenta.
Ao longo de catro sesións, de aquí a fin de ano, divididas en bloques temáticos, realizaremos unha crónica da Galicia dos oitenta. No eido político, Espello Vídeo Cine cubriu primeiro a campaña das autonómicas do 81 para a UCD e no 82 e 83 encargouse das citas electorais co PSdG. Tamén rexistrou eventos de vital importancia como a manifestación pola capitalidade na Coruña. No ámbito cultural, documentou infinitude de concertos, festas, representacións de teatro, eventos cinematográficos... e entrevistou a grandes figuras da cultura que pasaron por Galicia neses anos, como Camilo José Cela ou Joan Manuel Serrat. As nosas tradicións e folclore quedaron inmortalizadas nos Caneiros, coa visita ao santuario da virxe da Barca, nunha serie de danzas tradicionais; entre tantas outras celebracións. O vídeo industrial foi outro dos seus fortes, atendendo non só ás fábricas, senón tamén aos gandeiros, e retratando no campo da economía importantes cambios.
Estas catro proxeccións estarán acompañadas de persoal de Espello Vídeo Cine para falar da creación das pezas. Encargándose de dar o contexto histórico, contaremos con algúns dos protagonistas dos eventos citados e con expertos en cada unha das disciplinas a tratar. Así, este ciclo pretende non só mostrar o importantísimo legado da empresa, senón analizar con perspectiva analítica unha época moi pouco representada no noso audiovisual e que de seguro merece unha revisión.
É a selección do que se presenta dolorosamente pequena e voluntariamente específica, para non perderse nun mar de imaxes que atesoura outras xoias que se cadra poderán recuperarse no futuro. Entre algúns destes vídeos, cómpre citar o traballo innovador que se fixo no programa educativo Preescolar na casa ou toda unha serie de pezas científicas de tipo ornitolóxico e ambiental na Costa da Morte, ou de operacións cirúrxicas no CHUAC. Nesta liña, a compañía cedeu as famosas imaxes do parto que marcaron a varias xeracións de coruñeses nas visitas á Domus, como tamén se encargou do vídeo sobre a batalla de Elviña que se mostrou durante anos no Museo Militar. Nun eido máis institucional, o plan marisqueiro de inicios dos oitenta para Galicia, ou o urbanístico para A Coruña, coas transformacións dos seus barrios, quedaron tamén inmortalizados polas súas cámaras. Celebracións deportivas coma o Teresa Herrera, o campionato de fútbol da emigración, a visita do xadrecista Anatoly Karpov á Coruña ou o mundial de hóckey sobre patíns no 88 forman tamén parte do arquivo. O compromiso co reporteirismo atópase presente na travesía que fan co barco Arosa I para denunciar os vertidos nucleares no Atlántico. As pezas de ficción como A vinganza de HAL 9000 (1989) e Coitadiños (1992) quedan fóra das intencións deste ciclo, centrado no documental, pero aí figuran...
Son estas imaxes cheas de recordos, de presenzas do que un día fomos. Un anaco de nós, da historia de Galicia.

1981-1983: unha crónica política
