Imaxes para a memoria. Os documentais da Italia fascista sobre a Guerra Civil española (1936-1939)
Do 21 de novembro de 2019 ao 4 de decembro de 2019
Co gallo do 80º aniversario do golpe que desembocou nunha guerra civil internacionalizada, o que pretendemos co proxecto Imaxes para a memoria. Iconografía fascista e Guerra Civil Española (2016-2019) -onde se enmarca este ciclo de cine- é dar pulo a unha reflexión colectiva sobre un evento traumático do aínda recente pasado de España, en que xogou un papel decisivo a axuda material e ideolóxica de Hitler e Mussolini.
Facémolo exhibindo por primeira vez os documentais todos producidos desde a Italia fascista que se puideron localizar grazas a un detido rastrexo nos arquivos europeos. Trátase, en moitos casos, de inéditos absolutos. Algúns títulos, pois, non chegaron sequera a estrearse no seu día, debido a que se precipitaron os acontecementos internacionais.
Son imaxes sorprendentes, que din moito da estreita mais á vez conflitiva complicidade entre Franco e Mussolini: os intereses dos dous líderes variaban, de feito, en función da situación interna e internacional que condicionaba e reorientaba a súa liña política en cada momento, con repercusións inevitables no sector que Mussolini convertera en caixa de resonancia das súas consignas propagandísticas, isto é, o cine.
Inútil sería, xa que logo, buscar nestes documentais a realidade do conflito. O que domina é a representación ideoloxizada del. A pesar diso, entre liñas e máis aló das intencións propagandísticas desta comunicación, en moitas escenas se insinúan a miúdo reveladoras contradicións que baten contra o sentido pretendido da mensaxe. Este descoido comunicativo é tanto máis evidente cando imaxes tomadas por suxeitos non aliñados, ou directamente incautadas ao inimigo “roxo”, son forzadamente asociadas a un comentario politicamente “correcto”, especialmente nos documentais de footage. É nese intre cando a epifanía daquel exército “cativo e desarmado” deixa o espectador de hoxe, e seguramente a moitos espectadores de onte, cun nó na gorxa.
Daniela Arónica, comisaria do ciclo
Agradecementos: Bundesarchiv Filmarchiv (BAFA), Filmoteca Española, Daniela Arónica.
Coa colaboración de