Extraterritorial, vangarda, experimental. O outro cinema español
Do 1 de xullo de 2007 ao 31 de xullo de 2007
Como complemento ao seminario que o CGAI, en colaboración coa Universidade da Coruña, organiza os días 9 e 10 de xullo, presentamos unha selección dalgúns dos máis relevantes títulos vinculados ás prácticas fílmicas que contribuíron a quebrar a narración institucionalizada no noso país, filmes ben directamente experimentais, produción de vangarda ou materiais trazados desde diferentes graos de clandestinidade, ben sexa de tipo conceptual, materialista, militante ou estrutural. Desde as vangardas históricas e figuras fundamentais como Buñuel ou o mesmo Giménez Caballero, pasando por José Val del Omar, ata a profusión de escrituras fílmicas entre finais dos 60 e principios dos 80, o rexeitamento de todo posibilismo vai ter cabida a través dun conxunto de propostas heteroxéneas e singulares pouco coñecidas.
“A pesar das extremadamente complexas circunstancias históricas que atravesou o cinema hispano durante o seu longo século de existencia, non faltan tendencias e exemplos senlleiros que, afastándose da narratividade que caracteriza(ba) o groso da produción, van construíndo as densas marxes do edificio narrativo-institucional; outro cine español, en definitiva e segundo os casos, vangardista, marxinal, estrutural, experimental, materialista, reflexivo, ensaístico… En calquera caso, sempre extraterritorial, a contracorrente, distinto da(s) práctica(s) ao uso, á marxe case sempre de maneira absoluta da senda pola que circulaba o resto da nosa filmografía. Sen pégas de ningún tipo, o seminario que presentamos pretende reflexionar sobre as modalidades históricas e formais das nosas extraterritorialidades, sexan estas da maneira que sexan, tendo como único límite o pertencer ao digámolo así territorio do “non narrativo”. Conformado ao redor de cinco mesas agrupadas en torno a diferentes eixes (O cinema español e as vangardas históricas; Ensaio e reflexividade no cine español; Cinema e outras prácticas artísticas; Conceptuais, situacionistas e demais ralea e Emendas á totalidade), nas que participarán cineastas, historiadores e analistas, nelas terán cabida desde os insignes representantes da vangarda española (con Luis Buñuel e Val del Omar como centros de atención prioritarios, aínda que non únicos) ata os novos cineastas que, como Marc Recha, se aproximan hoxe ao cine coa liberdade do ensaísta, coa intimidade do autor dun diario filmado. Entre eles, e ao longo dunhas décadas de notable actividade desde os anos sesenta do pasado século, “independentes” como Adolfo Arrieta ou Álvaro del Amo, arquitectos como Ricardo Bofill, pintores como José Antonio Sistiaga ou músicos como Carles Santos investigan as múltiples posibilidades artísticas e discursivas do medio cinematográfico á marxe de toda convención narrativa e, como é lóxico, en frontal oposición á ditadura franquista. Personalidades e obras como, entre outras, as de Eugeni Bonet ou Javier Aguirre, como as de Antoni Padrós ou Pere Portabella, constitúen apoiadas polo ciclo de películas que acompaña ao seminario pezas senlleiras destas prácticas fílmicas alternativas, e a súa presenza e participación unha ocasión única para ver e coñecer o outro cine español”. Texto introdutorio ao seminario escrito polo seu director, José Luis Castro de Paz.
Agradementos: José Antonio Sistiaga, Light Cone (Francia), Eugeni Bonet, José María Zabala, Filmoteca Vasca, José Luis Chacón, Daria Esteva, Pere Portabella, Helena Gomá, José Luis Borau, Olga Temprano, Javier Aguirre, Antoni Padrós, Basilio Martín Patino, Carmen Gullón, La Linterna Mágica, TVE, Ana Beltrán, Filmoteca Española, Ángel García del Val, Ricardo Bofill, Natalia Chiner, Julio Pérez Perucha, Santos Zunzunegui, Javier Hernández, Josetxo Cerdán, Antoni Pinent.