![Esenciais: Kenji Mizoguchi](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/full_width_breakpoints_theme_cgai_xs_1x/public/portada.jpg?itok=vuFnXanF×tamp=1545916658)
Esenciais: Kenji Mizoguchi
Do 18 de xaneiro de 2019 ao 13 de febreiro de 2019
Nacido en 1898, nos albores do cine, Kenji Mizoguchi fórmase en pintura occidental e
traballa como ilustrador entre 1915 e 1920 ata que a comezos dos anos 20 recala en
Toquio e empeza a se vincular coa arte cinematográfica. Aínda que moitas das súas primeiras películas se perderon, a gran cantidade de traballos que realiza durante os anos 20 e 30, permítelle aprender, experimentar e sintetizar un estilo que culmina na década dos anos 50. Como diría o crítico Jean Douchet: “Kenji Mizoguchi representa para o cine o mesmo que J. S. Bach na música, Cervantes na literatura, Shakespeare no teatro ou Tiziano na pintura: o máis grande”.
Mizoguchi é o reputado cineasta que máis e mellor retratou o mundo das
gueixas e da prostitución no cine xaponés, como mostran estes títulos: Los músicos de
Gion (1953), La mujer crucificada (1954) ou La calle de la vergüenza (1956). Mais ademais das gueixas, a súa visión única do universo feminino e a posición da muller dentro da sociedade xaponesa, foron esplendidamente retratadas en Los amantes crucificados (1954) ou La señorita Oyu (1951). A beleza e sutilidade das imaxes de La emperatriz Yang Kwei-Fei (1955), unha das súas dúas únicas películas filmadas en cor, a misteriosa e enigmática Cuentos de la luna pálida (1953), e a potencia conmovedora de El intendente Sansho (1954), completan a listaxe de títulos desta mostra sobre o seu cine, ao que o CGAI-Filmoteca de Galicia xa lle dedicou no pasado dous ciclos en que se programou a práctica totalidade da súa obra conservada. A gran novidade é a presentación de 3 títulos restaurados en 4K pola Kadokawa Corporation e The Film Foundation: Cuentos de la luna pálida, El intendente Sansho e Los amantes crucificados.
“Certos cineastas, efectivamente, non eran impostores. É así como, sempre en 1959, a morte de Miyagi en Cuentos de la luna pálida me cravou, desgarrado, á miña butaca do teatro Bertrand. Porque Mizoguchi filmara a morte como unha vaga fatalidade que, como se vía claramente, podía producirse ou non. Lembro a escena: no campo xaponés un grupo de bandidos famentos ataca uns viaxeiros e un dos bandidos atravesa a Miyagi coa súa lanza. Mais faino case inadvertidamente, tatexando, movido por un resto de violencia o por un reflexo estúpido. Ese feito posa tan pouco para a cámara que esta estivo a piques de non velo, e estou convencido de que a todo espectador de Cuentos de la luna pálida se lle ocorreu a mesma idea louca e case supersticiosa: se o movemento de cámara non fose tan lento, a acción produciríase fóra de cadro ou —quen sabe?— simplemente non se produciría (…) Culpa da cámara? Disociándoa das xesticulacións dos actores (…), en lugar dunha ollada decorativa, Mizoguchi lanza unha ollada que «fai como se non vise», unha mirada que preferiría non ver nada, e desa maneira mostra o acontecemento tal como se produce, ineluctablemente e en diagonal.” (Serge Daney, «El travelling de Kapo», 1992)
“É por iso que un primeiro plano dun filme de Mizoguchi se pode traducir nun trastorno
emotivo que raramente se produce con tanta intensidade nun filme de calquera outro
director. A mesma coherencia contraditoria vólvese encontrar no ámbito do tema
principal do cine de Mizoguchi: a representación do universo feminino. Por unha banda, denuncia abertamente as condicións de explotación e marxinación das que a muller é vítima por mor dunha sociedade patriarcal que conseguiu reproducirse, malia os notables cambios que, noutros aspectos, Xapón experimentou desde a Idade Media ata anos da segunda posguerra –un outro elemento singular da ecléctica coherencia de Mizoguchi encóntrase na soltura coa que pasa do gendaigeki (filme de ambientación contemporánea) ao jidaigeki (filme de época), xirando, mais, sempre na contorna dos mesmos temas. E, por outro, el mesmo é claramente vítima dunha concepción transcendental da muller, á que, polo feito de mitificala, volve representar coma un obxecto, se ben agora se trata dun obxecto de culto e admiración. Tal como se observou moitas veces, a complexa imaxe feminina construída por Mizoguchi na súa obra parece que dá preferencia a tres modelos: a rebelde, a princesa e a sacerdotisa.” Dario Tomasi (Bellezza e crudeltà. Il cinema di Kenji Mizoguchi, Cineteca del Comune di Bologna, I quaderni del Lumière núm. 31, febreiro de 2000)
___
Fotografías © Collection cinémathèque suisse
![El intendente Sansho](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/sansh_dayi-007-1000012893.jpg?itok=IiTGcZzo)
El intendente Sansho
![La señorita Oyu](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/oyi-sama-001-1000111708.jpg?itok=pKokH_iq)
La señorita Oyu
![Cuentos de la luna pálida](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/ugetsu_monogatari-1001-1000072667.jpg?itok=IWTKWCF_)
Cuentos de la luna pálida
![Los músicos de Gion](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/gion_bayashi-001-1000107691.jpg?itok=UzAbjDUW)
Los músicos de Gion
![Los amantes crucificados](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/chikamatsu_monogatari-004-1000069096.jpg?itok=gQ3GrchD)
Los amantes crucificados
![La calle de la vergüenza](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/akasen_chitai-1002-1000072489.jpg?itok=RGk48qA7)
La calle de la vergüenza
![La emperatriz Yang Kwei-Fei](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/yokihi-002-1000108315.jpg?itok=siLp1Tkh)
La emperatriz Yang Kwei-Fei
![La mujer crucificada](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/la_mujer_crucificada.jpg?itok=CgVqgneY)