Compartir o cinema. 20 anos de 'Cinema en curso'
Do 11 de novembro de 2025 ao 30 de xuño de 2026
Hai 20 anos un grupo de mozos/as entusiastas iniciaba un proxecto que se propoñía espertar o amor polo cinema en crianzas e mozos/as. Era ‘Cinema en curso’, un programa que se converteu nun referente a nivel internacional e do que forman parte moitos dos autores e autoras máis relevantes dos últimos anos: Carla Simón, Meritxell Colell, Mikel Gurrea e, en Galicia, cineastas como Xacio Baño, Jaione Camborda ou Ángel Santos entre moitos outros.
Precisamente pola súa profunda vocación pedagóxica, nestas dúas primeiras décadas o proxecto converteuse tamén nunha comunidade de cineastas que atoparon en 'Cinema en curso' un espazo de experimentación onde compartir e pensar a creación cinematográfica, as procuras, os procesos e, moi especialmente, o cinema que aman e admiran.
A capacidade de admirar, asombrarse e celebrar o cinema dos demais é unha calidade compartida por unha gran familia de cineastas; é compartida por todos os que forman parte de 'Cinema en curso' e transmítese e renova con cada grupo de crianzas e mozos/as. Cada ano, en máis de trinta escolas e institutos públicos, transmiten o seu saber e a súa paixón xunto con docentes convencidos do potencial transformador do cinema. Durante todo o curso, grupos de primaria, secundaria e bacharelato exploran o cinema a través do visionado e comentario de fragmentos de películas de grandes autores e da propia práctica creativa. Con ollos de cineasta, aprenden a mirar os seus barrios e vilas cunha nova sensibilidade; en diálogo co cinema visto e admirado, crean colectivamente un pequeno filme; e descobren que o cinema pode falar deles e que co cinema eles tamén poden contarse. Autores e autoras de todas as épocas -de Chantal Akerman a Ermanno Olmi, de Jean-Luc Godard a Roberto Rossellini, ou de Jonas Mekas a Hou Hsiao-hsien- son compañeiros de viaxe con quen buscar as películas, facer máis grande a vida e máis habitable o mundo.
Celebramos este 20º aniversario xunto ás Filmotecas de Catalunya e Valenciana, cun programa que durante seis meses convida a varios cineastas, xustamente, a ‘Compartir o cinema’: a falar das películas que os transformaron, dos autores cos que pensan o seu propio cinema, tamén dos seus procesos de creación e o que os move.
Abrimos o ciclo, xustamente, con Innisfree de José Luis Guerín (1990), unha homenaxe ao cinema e ao amor polo cinema, en conversa con Xacio Baño, Jaione Camborda, Marcos Flórez e Ángel Santos.