Extraño río
Estrany riu
Jan Monter, Nausicaa Bonnín, Jordi Oriol, Bernat Solé, Francesco Wenz
- 103 min.
Dídac ten dezaseis anos e viaxa en bicicleta polo Danubio coa súa familia. Entre días calorosos, un encontro inesperado cambia o rumbo da viaxe: un misterioso mozo aparece entre as augas do río. A súa presenza enigmática non só esperta algo novo en Dídac, senón que empeza a alterar a relación coa súa familia.
-
Compartir o cinema. 20 anos de 'Cinema en curso'
Extraño río
Encontro con Jaume Claret Muxart
Versión lingüística:VOSEFormato:DCPEntrada de balde.
-
Crítica do filme
Manu Yáñez (Fotogramas)
Entrevista a Jaume Claret
Elisabet Cabeza (festival de Donostia)




Nota do director
Jaume Claret Muxart
Estrany riu nace das viaxes que fixen coa miña familia en bicicleta por diferentes ríos de Europa. Quixen facer unha película para narrar a particularidade desas viaxes, a vida nos cámpings, os hostais, os momentos de descanso no río, a calor, os sons dos paxaros e do vento, a auga xeada, a choiva, o ritmo da bicicleta. Capturar eses momentos que observei durante tantos anos, nun estado de constante transformación, a través dunha cámara que se move e flúe sen cesar, como a auga. Un río: o Danubio, fascinante e misterioso, que cambia como un personaxe en si mesmo, como un adolescente de dezaseis anos: Dídac.
A adolescencia paréceme un subxénero cinematográfico. É unha etapa vital na que cambia a perspectiva do mundo e dun mesmo, e o cinema —como arte do tempo, da elipse e da transformación constante— adáptase especialmente ben a esa transición. O noso propósito foi narrala desde a percepción dun mozo e preguntarnos como vive eses cambios un adolescente de hoxe. Aínda que o punto de vista principal está nel, non é o único: a familia acompáñao, motívao e tamén forma parte esencial do seu proceso.
É unha película sobre a familia e a educación emocional duns pais a uns fillos e viceversa, é dicir, o que tamén uns pais poden aprender duns fillos. Pero tamén é unha película sobre un irmán, Biel, dous anos menor, que percibe e tenta comprender o estado de cambio polo que transcorre Dídac. Estrany riu é unha homenaxe á miña familia, mostrar esa educación que tiven e retratar a vocación e a paixón duns pais que transmiten a vida e a arte aos seus fillos.
Cando viaxas en bicicleta seguindo distintos ríos, crúzaste constantemente con descoñecidos; e, co tempo, eses encontros repítense, os rostros fanse familiares, e créase unha bonita complicidade. Desa sensación nace o personaxe das augas que se atopa Dídac. Como se dous afluentes —a familia e ese mozo misterioso— se cruzasen no camiño, o relato vaise debuxando, e as relacións, transformando. A estrutura mesma do filme convértese nun río: non só como espazo xeográfico onde transcorre a historia, senón como corrente vital que atravesa os personaxes. Para retratalo, tiven sempre presentes estas palabras de Ermanno Olmi: "Nunha zona de calma creada polo mesmo discorrer da auga, os dous personaxes coinciden, míranse".
O cinema que máis admiro ao ver e máis gozo ao facer é aquel que se reflexa coa vida, pero narrado desde a fabulación, desde un realismo poético como o que atopamos no cinema francés dos anos 30 —o dos tres Jean: Epstein, Renoir e Vigo—, ou en certas obras de Agnès Varda, Terence Davies, e no cinema asiático dos anos 90, especialmente en Hou Hsiao-Hsien e Edward Yang. Gústame pensar o cinema como un espazo onde imaxinar o que podería pasar se ocorrese o que non sucedeu.