La cicatriz interior
La cicatrice intérieure
Nico, Philippe Garrel, Christian Aaron Boulogne, Daniel Pommereulle, Pierre Clémenti, Balthazar Clémenti, Jean-Pierre Kalfon
- 60
Filme experimental en que a cantante Nico e o propio Philippe Garrel vagan por un deserto. A parella semella en descomposición, chea de reproches. Ela berra e non pode respirar. El ignóraa impasible.
___
Agradecementos: Cineinfinito.
-
-
Ó redor da Nouvelle Vague
La cicatriz interior
Versión lingüística:VOSGFormato:35mm.Sección do ciclo: 'Francotiradores'.
- Ano:1972
- Países de produción: Francia
- Guión: Philippe Garrel
- Fotografía: Michel Fournier
- Montaxe: Philippe Garrel
Philippe Garrel par Thierry Jousse - Blow up - ARTE
O realizador Thierry Jousse dá a súa visión persoal do cine de Philippe Garrel no programa da canle ARTE Blow Up.
Philippe Garrel en substance
Philippe Azoury
“Comeza entre Garrel e Nico unha historia de amor e de dependencia que ha atravesar os anos 1970. Farán sete filmes xuntos.
La cicatrice intèrieure, o primeiro deles, é a versión mineralizada da súa historia: un conto amoroso e violento nun mundo desértico. A película, interpretada por Nico, Garrel, Pierre Clémenti e o seu fillo Balthazar, fílmase sucesivamente no deserto californiano, nunha cova de Italia, no Val dos Reis de Exipto e en glaciares islandeses.
Esgotado pola rodaxe, insatisfeito por non ter logrado, cre el, actuar correctamente no seu propio filme, Garrel, nese momento en Roma, ten unha crise en que esnaquiza baixo os efectos do LSD as portas da Villa Medici. Despois de o deteren os carabineiros á primeira hora da mañá, intérnano. Fréderic Pardo, ao lle seguir a pista, decátase do que está a acontecer e informa inmediatamente a Nico de que se está a practicar sobre Philippe unha terapia de electrochoque (así “curaban” os drogadictos en Italia e Francia) que lle está a queimar as lembranzas, borrándoas, deixándolle un oco na súa memoria difícil de selar. Nico saca de alí a Garrel. Volven a París antes de disporse a acabar La cicatrice intérieure. En paralelo, Nico escribe o seu álbum máis célebre, Desertshore (que sae a finais de 1970 no selo Reprise nº#6224). Non só un fotograma do filme – Nico subida a un cabalo do que tira seu fillo Ari – se utilizou na portada, é que a película e as cancións son indisociables: Garrel dálle ritmo aos seus planos en función dun movemento interior iniciado polo ritmo punxente dunha peza de Nico. Esta mesma peza vai xurdir no filme como se se emitise dende a imaxe.
En París, a parella vive no número 29 da rúa Richelieu, nun apartamento sen calefacción, nin auga quente, nin electricidade, iluminado por candeas. O “éxito” en 1971 de La cicatrice intérieure ante a xeración hippy (as 126 prazas de La Pagode, o único cine que a proxecta, ocúpanse cada noite) outorga a Garrel a valentía física e moral para realizar outras fitas, nun sistema cada vez máis precario: a película está case sempre caducada, ás veces hai dez ou doce anos, atopada dando voltas polos laboratorios. Chevereau, célebre por alugar cámaras na rúa Chine, ten a clemencia de emprestar o seu material por cantidades simbólicas. Os filmes, ás veces silentes, ás veces acompañados pola música de Nico ou do grupo cósmico alemán Ash Ra Temple, describen unha sorte de era glacial tralo 68, un mundo interior, xeado, sostido en mármore, onde o discurso cedeu paso a unha contemplación vitrificada”.
En Philippe Garrel en substance, de Philippe Azoury (Capricci, 2013), pp. 24-26.