Mostra de Cine Europeo (MICEC´07) (I)
Do 1 de xuño de 2007 ao 30 de xuño de 2007
En colaboración coa Mostra Internacional de Cinema Europeu Contemporani (MICEC) de Barcelona e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
O CGAI presenta unha selección dalgunhas das películas programadas na terceira edición da Mostra Internacional de Cinema Europeu Contemporani (MICEC), evento que inclúe unha mostra e un congreso de cine, organizado en Barcelona polo Grup Cinema da Universitat Pompeu Fabra baixo a dirección de Domènec Font e dedicado ao último e máis interesante cine producido no continente europeo. Entre os filmes escollidos este mes destacan títulos tanto de directores consagrados (Nanni Moretti, Marco Bellocchio ou Manoel de Oliveira) como de representantes dunha nova e puxante xeración (Michael Glawogger, Lukas Moodysson ou Cristi Puiu). O vindeiro mes a mostra completarase con películas de Pedro Costa, Aleksandr Sokurov e Otar Iosseliani. Con motivo da celebración desta edición, tamén se publica o libro Derivas del cine europeo contemporáneo, coeditado polo MICEC, IVAC-La Filmoteca de Valencia, CGAI e Filmoteca de Catalunya, e coordinado polos especialistas Domènec Font e Carlos Losilla.
“O cine europeo contemporáneo, verdadeiro cruce de culturas, está desempeñando hoxe en día o mesmo papel que no seu momento asumiu o cine de Hollywood. Se nos anos trinta e corenta do século XX cineastas como o vienés Fritz Lang, o británico Alfred Hitchcock ou o francés Jean Renoir se refuxiaron en América do Norte para levar ao límite unha estética inventada nos seus respectivos países de orixe, agora David Lynch (Inland Empire), Abel Ferrara (Mary), Hou Hsiao-Hsien (Le ballon rouge) ou Nobuhiro Suwa (Un couple parfait) pasan por Europa –hai que contemplar o continente como lugar de paso– co fin de abducir a súa historia cultural e transformala noutra cousa, un lugar para a creación onde todo está permitido. E, á súa vez, os cineastas europeos máis irredutibles recollen a herdanza da modernidade e condúcena a esas liñas fronteirizas que gozan de maiores niveis de ebulición. Por un lado, os máis veteranos non só seguen o seu camiño, senón que a cada paso o reinventan: os franceses Jacques Rivette, Alain Resnais ou Claude Chabrol; o italiano Marco Bellocchio; o portugués Manoel de Oliveira… todos eles insisten nunha espiral creativa que segue marcando tendencias. Por outro, os máis novos sorprenden día a día, incorporan unha herdanza irrenunciable no marco de novos modos de expresión: hai movementos sísmicos en diversas zonas europeas –desde Alemaña aos países do Leste, desde Portugal á propia España– onde ninguén diría, hai uns poucos anos, que se puidese forxar algo parecido a un “novo cine”. En fin, caóticos e impredicibles, sen rostro nin identidade, libérrimos e de insultante vitalidade: eses son os camiños do cine europeo actual”.
Extracto do libro Derivas del cine europeo contemporáneo
Agradecementos: Baditri, Civite Films, Svenska Filminstitutet (Suecia), Inés Rodríguez, ICAM (Portugal), Mia Jensen, The Coproduction Company (Alemaña), Galina Milova, Stehr Films, Mathieu Bouchet, Celluloid Dreams (Francia), Nathalie Jeung, Nicolas Kaiser, Rezo Films (Francia), Viviana Horalek, Media Luna Entertainment (Alemaña), Juliane Wothe, Ö Filmproduktion (Alemaña).