LARRY GOTTHEIM
Do 1 de marzo de 2014 ao 30 de abril de 2014
Un programa comisariado por Asociación Lumière.
Larry Gottheim (Nova York, 1936) aprende de forma autodidacta a manexar a cámara de 16 mm, comeza a filmar nos anos 60 e convértese axiña nun dos realizadores máis importantes do cine de vangarda estadounidense. Desde finais da década dos 60, a serie de películas, concibidas todas a partir de tomas formadas por un único plano, densifican as construcións arredor da relación entre son e imaxe, especialmente desde mediados dos anos 70. Posteriormente, o seu cine álzase como o cine da presenza, da observación e do compromiso cunha conciencia profunda. En canto se aproxima aos motivos paisaxísticos, ás formas do diario e á montaxe como colección fílmica, a obra de Gottheim segue sendo única nas súas intensas investigacións a respecto dos paradoxos centrados nunha experiencia directa e sensual que colide coas estruturas complexas da repetición, da anticipación e da memoria. Gottheim estivo ao fronte do Departamento de Cine en Binghamton (Nova York), onde foi profesor durante máis de tres décadas. Este departamento, extremadamente influínte, atraeu os artistas con máis talento, os académicos e os cineastas da época, inclusive Ken Jacobs, Hollis Frampton, Peter Kubelka ou Ernie Gehr, entre outros moitos.
Nos anos 90 e durante unha breve época, Gottheim traballou tamén como director da New York Film-makerʼs Cooperative. As películas de Gottheim encóntranse nas coleccións dos museos e nos arquivos de moitos lugares do mundo, e un programa das súas primeiras películas restauradas presentouse no New York Film Festival en 2005.
En 1970, Gottheim comezou o primeiro programa de posgrao de Estados Unidos dedicado ao cine experimental e ao vídeo, no Cinema Department da Universidade de Binghamton, dentro da State University of New York (SUNY). Alí impartiu as materias de Dirección Fílmica e de Estética do Cine ata 1998, e foi xefe de departamento durante gran parte deste período. Foi convidado polo San Francisco Art Institute en 1984 en calidade de artista visitante e premiado polo Avant-Garde Masters Grant, a National Film Preservation Foundation, o Fulbright Fellowship, o National Endowment for the Humanities (NEH) Fellowship, o NY State Council on the Arts ou a Jerome Foundation. Entre 1995 e 1997 presidiu a New York Filmmaker’s Cooperative. Cómpre destacarmos o seu importante papel dentro do proceso creativo da última película de Nicholas Ray, We Can´t Go Home Again (1973/6-2011).
Agradecementos: Larry Gottheim, New York Film-maker’s Cooperative.