Joaquín Jordá (e II)
Do 1 de xuño de 2006 ao 30 de xuño de 2006
En colaboración con MACBA, Donostia Kultura, Arteleku e IVAC-La Filmoteca.
“Os últimos documentais de Joaquín Jordá convertéronse en referentes dun público que non se comprace coas calidades estritamente cinematográficas. Desde 1979, ano en que realizou Numax presenta, as películas de Jordá aparecen vinculadas a debates máis amplos. Numax presenta (1980) testemuñou o peche dunha fábrica barcelonesa xusto no momento no que os políticos españois firmaban o Pacto da Moncloa. Despois El encargo del cazador (1990) reunía as voces daquela xeración que protagonizara a transición democrática española. Monos como Becky (1999) cuestionou os límites da psiquiatría. E máis tarde De niños (2003) trenza a rexeneración urbana do Raval barcelonés cun caso de pederastia. Por último, Veinte años no es nada (2004) reúne os protagonistas de Numax presenta para comprobar que foi dos desexos expresados vinte e cinco anos antes. As historias de vida que cada un deles contan compoñen un friso atípico da nosa historia recente. Así é como o cine de Jordá se asociou coa urxencia por abordar problemáticas de actualidade que a miúdo tamén reciben unha intensa atención mediática. No seu caso a película é un elo máis na cadea da opinión pública, un instrumento para entrar en debate.
A súa participación na Escola de Barcelona, momento no que produce Dante no es únicamente severo (1967), a súa posterior etapa de militancia ortodoxa ao servizo do PCI (Partido Comunista Italiano) e o período que se abre tras o seu regreso a España en 1973, para retomar a práctica do cine que abandonara momentaneamente, ofrecen tres contextos radicalmente distintos, e á vez, tres modelos de produción moi diferenciados na súa carreira persoal. Aínda que non deberiamos esquecer que o perfil de Jordá vai máis alá da realización de películas. Tamén é guionista, tradutor e profesor.
De aí que Jordá se convertera nun referente para novos realizadores que atopan nel unha forma de facer cine á marxe de modelos de produción dominantes. A azarosa traxectoria de Jordá amosa que o seu cine é o reflexo de modelos de produción dispares e ás veces antitéticos. Na súa filmografía atoparemos documentais, ficcións e películas militantes, así como formatos distintos e presupostos desiguais. Non obstante, isto é o que lle confire un acabado realista que non recorre a ningún tipo de naturalismo para confeccionar as súas obras. Ao contrario, o seu cine sostense sobre a capacidade de reflectir e dar cabida ás condicións humanas e materiais coas que traballa.
Poderíase definir a Jordá como un intelectual que fixo do cine un espazo común no que, por dicilo dalgunha maneira, o momento do cinefórum está integrado na película. Cada unha das súas producións xerou tamén públicos específicos atraídos pola promesa de participar nun debate. Tal como suxeriu algunha vez, a el só lle interesa producir a situación. “Eu me preocupo máis pola mise en place da escena e do plano, que non por como o captará a cámara. Organizo a situación e despois retírome. Podería ir tomar un café e regresar cando todo está feito.” Isto é o que poderiamos cualificar, sen ningún xénero de dúbidas, un “cine de situación”.
Carles Guerra
Agradecementos: Joaquín Jordá, Carles Guerra, Filmoteca de Catalunya, Notro Films, Filmax, Els Quatre Gats, Massa d´Or Produccions.