Despedida A Cuarta Parede: quince anos de crítica de cinema en galego
Do 3 de decembro de 2025 ao 4 de decembro de 2025
Fundada en 2011 por Eloy Domínguez Serén e Víctor Paz Morandeira, A Cuarta Parede naceu como resposta a unha necesidade evidente: falar de cinema en galego. Nun momento no que as voces da crítica cinematográfica eran escasas no noso país, a revista converteuse rapidamente nun espazo pioneiro de encontro e reflexión, así como nun fío que permitiu trazar e acompañar a evolución dun movemento entón incipiente, o Novo Cinema Galego, situándoo nun diálogo horizontal coas grandes cinematografías internacionais.
Durante case quince anos, A Cuarta Parede recolleu entrevistas, críticas, pezas audiovisuais e textos en profundidade asinados por múltiples voces nacionais e estranxeiras, que axudaron a visibilizar autores e autoras emerxentes, seguir a traxectoria de cineastas xa consolidados e promover o debate arredor do cinema de autor. Ao mesmo tempo, a revista foi testemuña, soporte e presenza constante no rico panorama de festivais de cinema independente que naceron e se asentaron en Galicia nas últimas décadas, hoxe auténticas citas de referencia a nivel mundial.
Por diversos motivos, entre os que poderiamos citar os cambios nas dinámicas da crítica cinematográfica, a ausencia de relevo xeracional ou o esgotamento dun modelo practicamente militante, A Cuarta Parede bota o peche en 2025 e cesa a súa actividade de publicación. Facémolo orgullosos polo traballo realizado, reflectido no salientable arquivo que fomos construíndo ao longo dos anos, e coa certeza de ter deixado unha pegada profunda no eido da crítica especializada e no cinema galego.
Este fin de ciclo non significa un final absoluto, senón unha oportunidade para botar a vista atrás e celebrar o percorrido e logros acadados, así como para abrir novas vías de reflexión sobre o presente e o futuro da crítica de cinema en Galicia. Como broche de ouro desta etapa, celebramos unhas xornadas de despedida na Filmoteca de Galicia, a principal institución responsable de salvagardar a memoria fílmica do noso país. Presentamos un programa que conxuga proxeccións e mesas redondas que nos permitirán revisitar a traxectoria da revista, analizar o seu impacto e compartir experiencias e reflexións con público, profesionais e expertos do sector.
O mércores 3 de decembro inauguramos o programa cunha sesión de curtametraxes galegas na que ofrecemos unha escolma representativa da diversidade e da riqueza do cinema galego en formato curto producido durante a vida da revista. A selección inclúe Paris #1 (2008), de Óliver Laxe, unha peza seminal que precedeu a creación desta cabeceira e simboliza a transición cara ao Novo Cinema Galego. En palabras de Iván Villarmea, trátase dun filme “onde o seu director atende tanto á paisaxe como á paisanaxe, deixándose fascinar polas dinámicas grupais que para el, un fillo da emigración, resultan tan propias como alleas”. Proxectaremos tamén Montaña en sombra (2012), de Lois Patiño, cuxos primeiros traballos contribuíron a abrir novas formas de mirar e narrar Galicia: unha ollada que “ten moito que ver co paisaxismo observacional de James Benning [...] mais ao virarse cara ao propio país establece unha representación que, por unha vez, non está filtrada pola imaxe que o cinema español ten e mantén sobre Galiza”.
A sesión contará igualmente con Montañas ardientes que vomitan fuego (2016), da dupla de realizadores Helena Girón e Samuel Delgado, responsables dunha das filmografías máis sólidas, coherentes e estimulantes da cinematografía galega (e canaria) grazas ao seu “traballo coa experimentación e a técnica, así como á súa especial inclinación pola mística, a simboloxía e a relectura da historia”, como sinala Aldara Pagán. Completarán o programa propostas máis recentes de autoras como Antía Carreira, con Formigón (2021), e Marta Valverde, con 30’ 70 60 120’ (2022), que continúan ampliando os límites do cinema contemporáneo galego e dando voz ás preocupacións das xeracións Z e millennial. En palabras de Valverde, trátase de “intentar comprender a nosa forma de relacionarnos co medio audiovisual tanto como espectadores como creadores”.
Esta escolma permite percorrer unha liña temporal que ilustra a evolución estilística, narrativa e conceptual do cinema galego ao longo destes quince anos, así como subliñar a consolidación dunha comunidade de cineastas preocupados pola experimentación e pola capacidade de contar historias que reflicten unha visión profundamente persoal do territorio, da comunidade e da memoria. A sesión estará moderada por Jesús Silva, director de A Cuarta Parede, e contará coa participación de varias das cineastas programadas.
O xoves 4 de decembro, a xornada iniciarase cunha mesa redonda titulada “A crítica de cinema en galego”, na que participarán Beli Martínez (profesora da UVigo e produtora), Marta Pérez (profesora da USC e membro do Consello de Redacción de A Cuarta Parede) e Ángel Sánchez (director do festival Play-Doc). Moderada por Brais Romero, exdirector da revista, a sesión permitirá analizar o estado da crítica cinematográfica en galego desde diversas perspectivas, reflexionando sobre o legado de A Cuarta Parede e sobre o futuro da crítica nun panorama en constante cambio, no que as dinámicas de produción e consumo de textos críticos mudaron profundamente.
Para rematar, proxectarase Vikingland, de Xurxo Chirro, “obra totémica do Novo Cinema Galego” e gañadora da enquisa elaborada hai anos pola revista sobre os mellores filmes galegos da historia segundo os seus colaboradores. A proxección e o coloquio posterior estarán moderados por Iván Villarmea, tamén exdirector de A Cuarta Parede, que afondará nos procesos creativos da obra e no seu lugar dentro do panteón cinematográfico galego como “un exemplo claro de autorepresentación [...] na que un galego crea unha imaxe de si mesmo no exterior que supón á súa vez unha representación implícita de Galiza, onde Galiza fica nun fóra de campo permanente”.
Estas xornadas non só celebran a herdanza de A Cuarta Parede, senón que tamén constitúen unha invitación a pensar colectivamente sobre a importancia da crítica especializada e independente como ferramenta para intercambiar olladas, preservar a memoria e promover novas ideas arredor do cinema, para dialogar sobre o pasado e para inspirar novos percorridos, mantendo vivo o impulso que guiou a revista desde o seu nacemento.
Texto por Jesús Silva, director de A Cuarta Parede.
Fotos por Pablo Nunes, cedidas por Play-Doc.
Sesión de curtametraxes galegas