Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acollen ao longo de maio unha escolma de 18 filmes incluídos na programación estendida da Filmoteca de Galicia, dos que se realizarán 26 proxeccións nos cineclubs destas cidades. A iniciativa desenvólvese ao abeiro da colaboración entre a Xunta e os cineclubs Valle-Inclán, Padre Feijoo, Pontevedra e Lumière a prol da descentralización e dunha maior difusión entre o público das películas que conforman a carteleira da sala José Sellier da sede da cinemateca na Coruña.
Así, nos vindeiros días, o cineclub Valle-Inclán, de Lugo, proxectará o mércores 19 Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, e o día 24, Mi noche con Maud, filme integrado no ciclo Esenciais: Éric Rohmer. O 26 de maio exhibirase Linda, de Dorothy Davenport, e o 31, Chungking Express, de Wong Kar-wai.
Pola súa banda, o cineclub Padre Feijoo de Ourense acolle o día 19 dous pases de In The Mood For Love, de Wong Kar-wai, e o 24, Pauline en la playa, de Eric Rohmer. O 26 de maio volve Wong Kar-wai a este espazo, con dous pases de 2046, e o 31, Éric Rohmer, con El rayo verde. Pontevedra proxectará In The Mood For Love o 24 de maio.
Estes títulos súmanse aos xa exhibidos na primeira quincena do mes nestes catro espazos, como Pauline en la playa, Una niña, de Sébastien Lifshitz, La rodilla de Clara, de Éric Rohmer, e A media voz, de Patricia Pérez e Heidi Hassan, no cineclub Valle-Inclán, ou El año del descubrimiento, de Luis López Carrasco, Chungking Express, Arima, de Jaione Camborda, e Fallen Angels, de Wong Kara-wai, no Padre Feijoo.
O Lumiére de Vigo proxectou xa Anunciaron tormenta, de Javier Fernández Vázquez, Gran Hotel, de Xurxo Chirro, O cazador, de Ángel Santos, e Xan e a Historia, de Lucía Estévez, e o de Pontevedra, Chungking Express.
A programación de películas en espazos alleos á Filmoteca de Galicia insírese na liña de apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao labor de difusión cinematográfica de e creación de novos públicos que desenvolven diferentes entidades no ámbito local e autonómico. A iniciativa súmase, ademais, ao convenio xeral de colaboración asinado o pasado día 6 coa Federación Galega de Cineclubs, un acordo que garante a programación cinematográfica anual en 13 localidades.
A información cos títulos e os horarios das exhibicións previstas nestes espazos durante este mes poden consultarse na web da Filmoteca de Galicia.