HEINZ EMIGHOLZ: ARQUITECTURA COMO AUTOBIOGRAFÍA
Do 18 de novembro de 2014 ao 21 de novembro de 2014
En colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, CulturArts-Filmoteca del IVAC (Valencia), Escola Técnica Superior de Arquitectura (Universidade da Coruña).
Nacido en 1949 en Achim, no norte de Alemaña, Heinz Emigholz é un dos nomes máis coñecidos da vangarda cinematográfica alemá. Recoñecido axiña, (participou na Documenta 6, de 1977) dende os anos setenta desenvolve unha prolífica carreira filmando sen parar por todo o mundo, especialmente en Europa e Estados Unidos. Emigholz roda imaxes que logo, ás veces dez anos despois, atopan a súa forma definitiva nunha película determinada, películas que compoñen ciclos ou series que se van desenvolvendo en paralelo. En 1983 comezou coa súa serie Photographie and Beyond (“Fotografía e máis alá”) que se prolonga ata hoxe en día e da que forma parte unha subserie, Architecture as Autobiography, que é a que agora se presenta integramente no CGAI, onda os primeiros títulos dunha nova serie, Decampment of Modernism. Iniciada en 2000 coa mediometraxe Sullivans Banken, a serie comprende ata a actualidade un total de sete retratos de oito arquitectos: Louis H. Sullivan (Sullivans Banken), Robert Maillart (Maillarts Brücken, 2001), Bruce Goff (Goff in der Wüste, 2003), Rudolph Schindler (Schindlers Houses, 2007), Adolf Loos (Loos Ornamental, 2008), Frederick Kiesler (Zwei Projekte von Friedrich Kiesler, 2009), e Auguste e Gustave Perret (Perret in Frankreich und Algerien, 2012). Esta última integraría tamén a serie Decamment of Modernism xunto á súa película sobre Pier Luigi Nervi (Parabeton – Pier Luigi Nervi und Römischer Beton, 2012) e a que é, ata o de agora, a súa última longametraxe, The Airstrip (2014), presentada no último Festival de Berlín e na que Emigholz percorre o mundo a partir dunha reflexión sobre o modernismo arquitectónico. Se esta película conta cunha voz en off, nun estilo que pode recordar ao dun Chris Marker, o resto das películas do ciclo susténtanse simplemente nos rótulos sucesivos que nos dan o nome da obra filmada, o seu ano de construción e a data da rodaxe. Emigholz ordena cronoloxicamente as obras, propoñendo así unha “autobiografía” do arquitecto. Filmando en puro presente, conforme unha lóxica que debe tanto a Claude Lanzmann como a James Benning, Emigholz “non só fai cambalear levemente a imaxe —en palabras de Olaf Möller— , senón que penetra (como el mesmo di) nos seus espazos, fai cambalear o mundo nos seus tres eixos á vez, desafiando a gravidade a través da visión. (…) Nos seus ensaios arquitectónicos (…) Emigholz usa esa estratexia de cambaleo tridimensional para facer visibles as tensións arquitectónicas nos edificios e, dese modo, os seus arquitectos: volve debuxar as liñas dos edificios, como se os aloumiñase, transformando a súa esencia en presenza.”
Presentacións e coloquio a cargo dos arquitectos Luz Paz e Xoán Mosquera (martes 18, 20.30 horas); Fernando Agrasar (mércores 19, 18.00 horas); Emma López (mércores 19, 20.30 horas); Celestino García Braña (xoves 20, 18.00 horas); Fernando Agrasar (xoves 20, 20.30 horas); Celestino García Braña (venres 21, 18.00 hora) e Evaristo Zas (venres 21, 20.30 horas)
Agradecementos: Heinz Emigholz, Viviana Kammel, Stefan Fichtner (Filmgalerie 451, Berlín), José Luis Cienfuegos, Alejandro Díaz, Reyes Revilla, Elena Duque (Festival de Cine Europeo de Sevilla), Monika Meirhofer (Amour Fou, Viena), José Antonio Hurtado, Nuria Castellote (CulturArts-Filmoteca del IVAC, Valencia), Mario di Felice, Fernando Agrasar, Luz Paz Agras, Xoán Mosquera, Emma López Bahut, Celestino García Braña, Evaristo Zas (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña).

Sullivan's Banks + Maillart's Bridges + Two Projects by Frederick Kiesler

Schindler’s houses

Parabeton-Pierre Luigi Nervi and Roman concret

The Airstrip

Goff in the Desert

Loos Ornamental
