François Truffaut
Do 9 de setembro de 2021 ao 21 de decembro de 2021
Logo dunha indomeable traxectoria como crítico e da dirección de tres curtametraxes, o cineasta francés François Truffaut (1932-1984) realiza a súa exitosa ópera prima longa Los cuatrocientos golpes (1959). O filme, moi persoal, amargo e con abondosas compoñentes autobiográficas, aproximábase á complexa infancia dun cativo con problemas de adaptación á súa contorna chamado Antoine Doinel, interpretado polo adolescente Jean-Pierre Léaud, actor máis tarde emblemático do cine do realizador e, por extensión, de relatos de autor esixentes e laboriosos.
Truffaut, auspiciado especialmente pola figura do crítico André Bazin, vai xurdir simultaneamente como personalidade revulsiva da publicación Cahiers du Cinéma e como brillante axitador dos novos cines, voceiro, de feito, esencial da Nouvelle Vague. De traxectoria precoz e áxil, autodidacta e independente, popular e ata metáfora social da figura do director, o seu cine aparece coma unha apaixonante refundición das súas filias e obsesións, tanto temáticas ou biográficas como formais, con moitos títulos para a lembranza, cumios da historia do cine que abranguen dende os triángulos amorosos de Jules y Jim ou Las dos inglesas y el amor ata o cine dentro do cine de La noche americana, gañadora do Óscar; da saga Doinel a filmes que cuestionan códigos xenéricos (toda a produción próxima ao cine negro); da luminosidade e a importancia da educación e da infancia (El pequeño salvaje; La piel dura) ao mortuorio e testamentario (La habitación verde) pasando polo amor como obsesión (Diario íntimo de Adèle H.) ou como exercicio primordial (El amante del amor). As idades da vida, o sexo, a morte, a relación entre o cine e a literatura, a importancia das figuras tutelares e a pedagoxía ou o sincretismo de modos e motivos artísticos, configuran un corpus de 24 filmes dirixidos por el. Adaptador de autores tan variados como Ray Bradbury, Roché, Goodis, Irish ou Henry James, o seu deliberado rexeitamento dun cine máis conceptual, militante e intelectualizado fai entender o enfrontamento contra algúns dos seus antigos correlixionarios (Godard, sobre todo) e a evolución da súa obra, progresivamente dun envoltorio máis clásico, pero igualmente chea de agudeza e reflexión sobre o devir da imaxe en movemento.
A publicación en novembro de 1967 dun dos volumes máis célebres do ensaio fílmico, o seu libro de conversas con Alfred Hitchcock El cine según Hitchcock, resulta un excelente complemento ao seu papel de científico, un sabio francés, no filme Encuentros en la tercera fase (1977) de Steven Spielberg. Reo dunha paixón absoluta, sexa como escritor cinematográfico, sexa como actor ou director, Truffaut sempre vai atoparse nunha pelexa constante entre o retraemento e a popularidade, entre a timidez natural e o recoñecemento, circunstancias que axudan a reler o seu cine.
A Filmoteca de Galicia, despois de varias iniciativas e focos relacionados con aspectos e influencias varias que impregnan a súa obra, dedica pola primeira vez un ciclo completo integrado polos filmes que dirixiu este inesquecible artista francés.