
Franco Piavoli
Do 11 de decembro de 2019 ao 18 de decembro de 2019
E vós medrade e multiplicádevos, e estendédevos pola terra e enchédea.
Xénese 9:7
Non semella casual que Franco Piavoli rodase case todo o seu traballo fílmico nas proximidades da súa poboación natal, Pozzolengo, unha encantadora aldea lombarda á beira do lago Garda. En efecto, se hai algo que define a Piavoli como autor é o seu interese por falar do universal desde o íntimo, desde o máis próximo. Deste modo, as conxeladas augas que dan luz ao comezo de El planeta azul (Il pianeta azzurro, 1982) non só testemuñan a xénese do ciclo de vida desa xeografía concreta, senón que aluden á orixe da vida como tal, exactamente como se unha cámara se coase no mesmo xardín edénico no momento en que a divindade pronunciou as palabras: “fágase a luz.” É precisamente esa especie de sinécdoque da epopea do humano, sempre reducida ao seu mínimo común denominador, o que desposúe o cine do realizador transalpino de calquera indicio de fastosidade, o que o imbrica nunha tradición de cine italiano que vai de Ermanno Olmi a Pier Paolo Pasolini. Cine cristián, si, mais un cine onde esa percepción relixiosa se mostra unicamente nas criaturas que poboan as súas paisaxes.
Esa exaltación da vida é unha constante nos fotogramas do autor lombardo. É evidente na xa citada El planeta azul, cando Piavoli filma a primeira parella que aparece na súa ópera prima como se fosen os mesmos Adán e Eva, non asediados aínda pola ameaza do pecado orixinal, senón no acto da concepción dunha especie que está destinada a interactuar, para ben e para mal, co medio natural en que debe desenvolverse. Quizais esa conexión co sexual e a súa ligazón coa permanencia non sexa tan obvia en Nostos: El retorno (Nostos: Il ritorno, 1989), unha adaptación do clásico homérico de Odiseo e o seu retorno ao fogar de Ítaca, mais existen imaxes que, ben observadas, si dan fe da existencia desa obsesión: que mostra se non ese fermosísimo plano en que Ulises, nadando nas augas do Mediterráneo, parece fecundar ao reflexo unha lúa semellante a un inmenso óvulo? Si, mesmo nas súas obras máis ficcionadas (se é que pode falarse de ficción no cine de Piavoli), onde a tese podería parecer máis difusa, a emoción do impulso vital que nos leva a medrar e a multiplicármonos, é parte fundamental do subtexto narrativo.
Debemos, por último, sacar do seu erro aos que consideren que estas premisas converten ao de Pozzolengo nun creador de imaxes tedioso na súa introspección teolóxica. O cine de Piavoli é, perante todo, gozo e alegría, celebración. É esa alegría polo mero feito de vivir o que aparece na ruidosa verbena de Voces en el tiempo (Voci nel tempo, 1996), o mesmo que se reflecte na ollada da rapaza que descobre o estímulo amoroso en Al primer soplo de viento (Al primo soffio di vento, 2002). Un pulo que se transmite aos espectadores cando abandonan a sala tras a proxección e que o levan a festexar, preferentemente en compañía, que hoxe, ao menos hoxe, seguimos vivos. [Martín Cuesta, FICX 2019]
Agradecementos: Franco Piavoli; Filmoteca Española, IVAC-La Filmoteca.

L'orto di flora

Il planeta azzurro

Emigranti

Nostos-Il retorno

Festa

Voici nel tempo

Evasi
