Fóra de serie
Do 1 de febreiro de 2007 ao 28 de febreiro de 2007
Dentro da sección “Fóra de serie” completamos vellos ciclos como o do finlandés Aki Kaurismaki e, nun anticipo da efervescencia documental coa que proseguirá a programación dos vindeiros meses, ofrecemos traballos biográficos polos que se amosan os perfís de xentes como o arquitecto Frank Gehry e os músicos Neil Young e Daniel Johnston, inseríndonos á vez na produtividade e diferentes posibilidades, estratexias e mecanismos da non ficción e o dominio dos contidos musicais na programación deste mes. O rescate da enésima mostra do talento orixinal de Richard Linklater, a película de culto “Waking life” (2001), imaxinativa proposta de animación sobre unha base de imaxe real e as curtas asinadas por galegos “Alma esquecida” e “Septiembre”, esta última subvencionada pola Generalitat catalá, proporciónannos un conxunto moi variado. O curso que impartirá no CGAI entre o 26 de febreiro e o 2 de marzo o analista da imaxe e cineasta Paulino Viota, “Histoire(s) du cinéma” de Jean-Luc Godard”, serve para homenaxear a súa traxectoria de director de películas como “Contactos” (1970), “Con uñas y dientes” e “Cuerpo a cuerpo” (1982). O CGAI, coa presentación do propio Viota, proxectará o último destes títulos.
Agradecementos: Paulino Viota, Ángel Santos, Clara G. Nieto, Luis Río.