Dámos a benvida ao ano cunha celebración das linguas e cine de Europa. Facémolo a través do ciclo 'EFA: Premios Discovery', escolma dos títulos galardoados nos últimos anos pola Academia do Cine Europeo con esta distinción que apoia o novo talento, e a habitual sección Fóra de serie. Aquí realizamos unha selección de títulos falados en diversas linguas do continente, presentados tanto neste caso coma para os da EFA por profesoras do Centro de Linguas da UDC. Preténdese con esta iniciativa promover a cinefilia non só polo seu valor cultural en si mesmo, senón como potente ferramenta de aprendizaxe de idiomas.
O CGAI retoma as proxeccións o 8 de xaneiro con Madame Hyde, de Serge Bozon, unha adaptación libre do celebre relato de Robert Louis Stevenson con Isabelle Huppert de protagonista, e centra as súas dúas primeiras semanas de programación nestas películas. Así, o francés cede o terreo ao portugués un día despois coa épica Cartas de la guerra, o alemán vese representado con Oh Boy, ou o italiano con Antes de la revolución, de Bernardo Bertolucci. Ademais, o sábado día 12 proxéctanse as curtas do VIII Festival CinEOI, organizado pola Escola de Idiomas da Coruña.
A semana do 15 de xaneiro comeza forte con El reverendo, un dos títulos da temporada, do que Martin Scorsese dixo que se trataba do mellor filme do seu colega Paul Schrader. Dunha lingua tan presente coma o inglés pásase a outra menos falada, o finés, nun filme que conquistou múltiples galardóns en festivais, comezando por Cannes, coma é El día más feliz en la vida de Olli Mäki. Este primeiro foco aos filmes europeos conclúe con Girl, a última película en levar o premio Discovery, sobre unha rapaza bailarina que afronta dificultades no ballet ante o seu proceso de cambio de sexo, e que foi tamén un dos títulos que marcaron o 2018, neste caso con acento flamenco.
Algunha destas películas poderá verse máis adiante. Por exemplo, a ópera prima dun dos mellores cineastas de xénero que deu o Reino Unido nos últimos anos, Peter Strickland, Katalin Varga (o xoves 24 de xaneiro), curiosamente falada en romanés; a ucraína The Tribe, inusual e moi orixinal filme en lingua de signos (martes 29 de xaneiro); ou o último ensaio do xenio da Nouvelle Vague Jean-Luc Godard, El libro de imágenes (26 de febreiro).