Do trazo ao píxel
Do 8 de marzo de 2016 ao 29 de abril de 2016
Coa colaboración de Filmoteca Española, Filmoteca de
la Generalitat de Catalunya, Movierecord, Tres60 Bcn e
Lobster Films.
Do trazo ao píxel. Máis de cen anos de animación
española xorde do desexo de mostrar nas mellores
condicións posibles unha historia pouco coñecida, a
do cine de animación español. Películas como Chico y
Rita (Javier Mariscal, Fernando Trueba e Tono Errando,
2010), Las aventuras de Tadeo Jones (Enrique Gato,
2012) ou Pos Eso (Sam, 2014) colocan a animación
española no mapa internacional, se ben estes exemplos
son soamente a punta do iceberg de anos de talento e
empeño por crear arte e industria, ás veces contra vento
e marea. O ciclo é o resultado dun exhaustivo traballo
de investigación, revisión e recuperación do material
histórico en diálogo con obras máis recentes.
Del trazo ao píxel é unha coprodución do CCCB e AC/E
que recolle unha escolma de películas animadas en
distintas técnicas, representativas destes axitados
anos que van desde comezos do século XX ata a
actualidade. Neste percorrido advírtense algúns temas
recorrentes, como o vínculo co mundo da historieta, o
reflexo das inquietudes políticas e o diálogo coas artes
plásticas.
Esta é unha historia chea de lagoas, con algúns fitos
illados (a primeira longametraxe en cor animada
europea foi Garbancito de la Mancha), mais sementada
sobre todo de obras esquecidas que crearon a sensación
durante años de que a animación en España foi un
páramo deserto. Nada máis lonxe da realidade. E proba
diso é este magnífico programa e a escolla resultante,
que procurou incluír obras de todas as décadas e
tendencias, ademais de bosquexar a nosa idiosincrasia
en toda a nosa pluralidade cultural.
O programa de cine, comisariado por Carolina López,
pretende trazar un amplo percorrido a través dunha
selección das obras de referencia da animación
española de todos os tempos. O ciclo inclúe pezas
históricas (desde 1908 deica a fin da ditadura en 1975)
e curtametraxes contemporáneas (de 1975 aos nosos
días). Para iso restauráronse e dixitalizáronse obras que
eran “invisibles” ou de difícil acceso, e fornecéronse os
mellores materiais posibles en cada caso.
O programa de cine itinerante abrangue 63 títulos de
autores diferentes, ademais dunha selección de 17
spots dos Estudios Moro, e componse de 6 sesións
de curtametraxes duns 70 minutos e de 2 sesións de
longametraxes. Os filmes proxéctanse en soporte vídeo
dixital.
Agradecementos: Carolina López, Gloria Vilches/CCCB
(Barcelona).

Sesión 1: Garabatos

Sesión 2: Baixo o xugo

Sesión 3: Tempos modernos

Sesión 4: Macián, o mestre

Sesión 5: A pegada do artista

Sesión 6: Humor e masacre

Sesión 7: Destino Hollywood (e máis aló)
