Sesión 2: Baixo o xugo
Arturo Moreno, 1945
68'. Vídeo HD
Sesión 2: Baixo o xugo
Garbancito de la Mancha
(España, 1945)
Director: Arturo Moreno.
O réxime franquista viu no cine un aliado para difundir os seus valores. Nunha España devastada pola Guerra Civil, o réxime apoiou a produción de Garbancito de la Mancha, que habería de ser a primeira longametraxe animada en cor europea. Para tal empresa, os estudios Balet e Blay contrataron o debuxante mozo Arturo Moreno (Valencia 1909-Barcelona 1993), a quen asignaron como guionista a Julián Pemartín, autor de Teoría de la Falange. Garbancito é un cativo orfo e bo católico que vive nunha granxa coa súa cabra Peregrina; un día, o xigante Caravaca rapta os seus amigos e o quixotesco rapaz terá que ir rescatalos. Influenciado polas animacións de Fleischer e as Silly Symphonies de Disney, o filme ten, non obstante, un carácter marcadamente español, con banda sonora do mestre Guerrero. Popular antes da súa estrea grazas ao conto dos mesmos autores, a película tivo un orzamento superior a calquera produción de imaxe real da época, aínda que se amortizou sobradamente xa que tamén foi explotada coa comercialización de bonecos, cromos e todo tipo de mercadotecnia . O filme realizouse en Barcelona, con profesionais formados sobre a marcha, e foi revelado en Londres, de modo que os rolos de película sobrevoaron unha e outra vez unha Europa en guerra. A película estreouse en 1945.
(Para todos os públicos)