CINE E PINTURA. ARREDOR DA EXPOSICIÓN
Do 10 de marzo de 2015 ao 21 de abril de 2015
Coincidindo coa exposición “O primeiro Picasso”, o CGAI-Filmoteca de Galicia programa un ciclo arredor das relacións entre o cine e a pintura, un ciclo que hai que entender na mesma liña que “Filmar as palabras”, do ano pasado, que exploraba as relacións da arte cinematográfica coa literatura. Por tanto, neste caso non se trata de abordar a figura de Picasso no cine. O CGAI proxectou en distintas ocasións o documental El misterio Picasso, quizais a película máis importante sobre o acto creativo do autor do Guernika, así como moitos outros títulos asociados decote a este tema e que, polo xeral, privilexian os aspectos dramáticos das biografías dos pintores por riba da reflexión acerca dos mecanismos de representación e expresión da pintura e do cine.
O ciclo arrinca con Fraude, o documental de Orson Welles sobre o falsificador de pintura Elmyr de Hory que é, á súa vez, un falso documental sobre Picasso e unha das máis xeniais demostracións da natureza fraudulenta e manipuladora do cine. En Mr. Turner, Mike Leigh propón unha biografía de J. M. W. Turner (interpretado por Timothy Spall) ao tempo que o seu director de fotografía, Dick Pope, nos suxire unha translación da luz do pintor inglés á pantalla cinematográfica. Esta última é a liña na que se move tamén Shirley: visiones de una realidad, de Gustav Deutsch, un ousado exercicio de conversión de distintos cadros de Edward Hopper en fragmentos da biografía dunha actriz norteamericana entre 1931 e 1963, o mesmo período en que foron pintados os cadros de Hopper que cobran vida en pantalla. Tamén o cineasta indio Amit Dutta se interna no mesmo terreo a partir da obra do pintor Paramjit Singh en The Seventh Walk. Dutta filma nos mesmos escenarios que serven de inspiración a Singh procurando equivalencias visuais entre pintura e cine.
Cézanne parte dos textos do libro de Joachim Gasquet sobre o pintor francés para, a partir dalgúns dos seus cadros, das paisaxes que un día pintou e de excertos doutras películas de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet, profundar nestas relacións entre pintura e cine, o que na outra película destes autores, de textos tamén de Gasquet, Una visita al Louvre, atinxirá o acto mesmo de contemplar un cadro pendurado das paredes dun museo. Cal é nestes casos a posición do espectador? Que ten que mirar? National Gallery é un documental de Frederick Wiseman que se interroga sobre a función dunha grande institución museística na transmisión e difusión das obras do pasado que han de superar a barreira do tempo para seren comprendidas polos espectadores de hoxe en día.
O cine e a pintura poden ser un só, algo que demostraron pintores que deviñeron cineastas como o vasco José Antonio Sistiaga (de quen no seu momento o CGAI proxectou a obra completa, en especial a súa longametraxe pintada fotograma a fotograma ere erera baleibu icik subua aruaren) ou o galego Eugenio Granell, do que recuperamos para a ocasión a curtametraxe Lluvia. Un lugar á marxe merece a obra do cineasta (transformado en pintor) Stan Brakhage. As sesións que dende comezos de 2014 lle vén dedicando o CGAI deteranse neste programa nas súas películas pintadas á man, nas que se centrou de maneira significativa nos quince últimos años da súa vida. Os dous programas de “hand-painted films” estarán compostos por: (1): Untitled (For Marilyn) (1992), Autumnal (1993), Earthen Aerie (1995), Spring Cycle (1995), Shockingly Hot (1996), Cloud Chamber (1999), The Lion and the Zebra Make God’s Raw Jewels (1999), Stately Mansions Did Decree (1999), Seasons (2002); e (2): Nightmusic (1986), Rage Net (1988), Glaze of Cathexis (1990), I Take These Truths (1994), The Persian Series (1-18) (1999-2001).
Agradecementos: Canyon Cinema (San Francisco), Fundación Eugenio Granell, Fernando Florez/Lima Independiente, Amit Dutta.