A Coruña, 5 de xuño de 2023.- A Filmoteca de Galicia porá o foco neste xuño na produción cinematográfica do creador multidisciplinar Javier Codesal e na etapa alemá do director Douglas Sirk. Ademais, a carteleira para este mes tamén incluirá a estrea de catro películas realizadas polo alumnado participante no programa internacional Cinema en curso e daráselles continuidade tanto á mostra 7x7: novas películas checas como ao programa A/Z-Zulueta Inédito, ciclo sobre o director de Arrebato organizado en colaboración co festival coruñés (S8).
A cinemateca da Xunta inaugura este xoves ás 20,30 h. as sesións centradas en Javier Codesal con Evangelio mayor, proposta na que o artista aborda o envellecemento na comunidade LGTBIQ+. A proxección contará coa presentación do propio autor, quen ao día seguinte volverá ás 18,00 h. á Sala José Sellier para falar da súa obra Calavera resumida e para manter un coloquio co público ao redor da súa obra. O ciclo dedicado ao polifacético artista aragonés, un dos repasos máis completos á súa obra fílmica levados a cabo ata o día de hoxe, continuará o sábado seguinte, 17 de xullo, coa película Testimonio de Frederman.
O outro gran protagonista da programación será Douglas Sirk. A Filmoteca de Galicia percorrerá a etapa alemá deste director que fuxiu do Terceiro Reich en 1937 e acabou por continuar coa súa notable carreira en Hollywood. O realizador de títulos como Obsesión asinou varias fitas no seu país natal co seu verdadeiro nome: Detlef Sierck. La muchacha del páramo, de 1935, servirá o venres 16 de xuño de apertura a un ciclo que ao longo do mes ofrecerá diferentes pases doutras seis películas: No empieces nada en abril, La novena sinfonía, Pilares de la sociedad, La Habanera, Concierto en la corte e La Golondrina cautiva
Novas xeracións
A Sala José Sellier acollerá o 16 de xuño a estrea de tres documentais e unha película de ficción a cargo do alumnado participante en Cinema en curso, programa internacional de pedagoxía do cine impulsado pola asociación A Bao A Qu, que en Galicia coordina a Filmoteca de Galicia no marco do Plan Proxecta para a Innovación Educativa da Xunta.
A película de ficción titúlase As distancias e está rodada por alumnos de sexto de primaria do CEIP A Rúa (Cangas) co acompañamento do director Ángel Santos. Pola súa banda, a rapazada de sexto de primaria do CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) contou coa colaboración de Marcos Flórez para realizar o documental O pasar do tempo, mentres que as alumnas de cuarto da ESO do IES As Mariñas da Coruña asinan a obra documental Arkhé. O fluír do tempo coa guía de Xacio Baño. Por último, o curso de sexto de primaria do CEIP A Reigosa de Pontevedra contou coa implicación de Alejandro Tarraf para levar a cabo A pegada que deixas.
Colaboracións con Play-Doc e (S8)
A carteleira de xuño darálles continuidade ás colaboracións iniciadas en maio cos festivais Play Doc e (S8), cuxo ciclo na Filmoteca protagonizou xa o arrinque deste mes. No caso do certame documental tudense, a súa extensión na Filmoteca de Galicia materializarase na proxección dos catro capítulos que conforman Ocho disparos mortales/Eight deady Shots, película que o finés Mikko Niskanen estreou en 1972 en formato de serial televisivo. As entregas repartiranse en cadansúa sesión os días 14 e 15 de xuño ás 19,00 h.
Co festival (S8) XIV Mostra de Cinema Periférico proseguirase co ciclo A/Z Zulueta Inédito este mesmo venres ás 20,30 h. coa exhibición de La celebración de la carne. As proxeccións sobre Iván Zulueta seguirán con Aloha (venres, 16), Fugas y escapadas (venres 23) e Apuntes y bocetos (venres 30).
O programa mensual complétase coa mostra 7x7: novas películas checas, con títulos como Banger, de Adam Sedlák, ou Emma enamorada, de Jan Prušinovský e co ciclo OFF-Galicia, cuxo protagonista será Alber Ponte, de quen se poderán ver as pezas Una llamada en domingo e Estar dos-La conquista del espacio. Ambas as dúas proxectaranse este mércores ás 20,30 h. coa presenza do autor.