Cine de vangardas: 1915-1947
Do 18 de xaneiro de 1993 ao 2 de febreiro de 1993
Houbo un tempo, entre dúas guerras, en que o cine tiña a xeografía dun campo de batalla. Loitábase por impoñer unhas regras de xogo para unha nova industria, para un novo soporte artístico, narrativo, político. Na batalla, como en todas, houbo vangardas, tantas como grupos ou individuos coa intuición para adiviñar límites que se poidesen traspasar, e que tentasen de facelo.
Dese tempo, deses grupos e individuos proceden os materiais que conforman o presente ciclo, froito da colaboración entre o Centro Galego de Artes da Imaxen e as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo. O obxectivo do ciclo é volver aquí e por uns días, os autores e títulos incluidos ó seu lugar, a pantalla, antes dos tornar ós manuais onde residen, en negriñas, o resto do tempo.
A programación non é exhaustiva. Está restrinida, por unha parte, ás vangardas clásicas - segundo a convención, ata Dreams that Money Can Buy -, e, por outra, ás disponibilidades de material en distribución. Non fumos ortodoxos na selección; figuran materiais que alguén máis purista non definiría como vangardistas, pero que, sen dúbida, comparten a vontade batalladora de rachar cos límites, aínda que sen pertrechar en ismos. Preferimos incluílos.
De calquera xeito, ó longo de doce sesións - comentadas por outros tantos ensaístas, críticos e autores galegos no catálogo que acompaña o ciclo - han desfilar diante nosa imaxes de quen buscaban; buscaban o específico do cine, ou a súa pureza, ou formas propias para un presente convulso. Procedían da pintura, da fotografía, da literatura, do teatro ou, sinxelamente, do oficio do cine e do patio de butacas. En boa medida, os límites que traspasaron nunca foron recorridos de novo. E ese fracaso pode alentar hoxe novas sorpresas, irritación, aborrecemento e entusiasmo, que é o que pasa cando un se sae do camiño.
Jaime Pena
O ciclo tivo lugar nos seguintes espazos:
A CORUNA
18 xaneiro - 2 febreiro
Sala de proxeccións do CGAI
Rúa Durán Loriga 10
SANTIAGO
25 xaneiro - 12 febreiro
Auditorio da Universidade
Campus Sur
LUGO
1 febreiro - 18 febreiro
Minicines Dumas / Escola Universitaria de Maxisterio
VIGO
8 febreiro - 26 febreiro
Auditorio Centro Cultural Cidade de Vigo
PONTEVEDRA
15 febreiro - 2 marzo
Teatro Principal
OURENSE
22 febreiro - 9 marzo
Salón de Acto da Biblioteca Pública
Rúa Concello