CENTENARIO ORSON WELLES
Do 10 de marzo de 2015 ao 24 de abril de 2015
Rendémoslle homenaxe a unha das grandes figuras da historia do cine, o polifacético director, guionista e actor estadounidense Orson Welles (1915-1985). Neste ciclo aproveitamos simultaneamente o centenario do seu nacemento e a saída de copias novas en DCP.
Logo da completa retrospectiva realizada polo CGAI-Filmoteca de Galicia en 2003 –incluídos os materiais finais e as pezas que ficaron inconclusas, algo que, como sinalou Jonathan Rosenbaum, concorda coa idea de alguén que consideraba calquera das súas obras works in progress- e a presentación en outubro de 2013 da restauración feita polo especialista Luciano Berriatúa para a Filmoteca Española de Chimes at midnight / Campanadas a medianoche (1965), o filme-operación intertextual inspirado en varios textos de Shakespeare e rodado en España que lle producira Emiliano Piedra, volvemos visitar o universo Welles, un dos grandes virtuosos e revitalizadores da arte do cinematógrafo.
Experto no estudo das relacións de poder e as paixóns humanas, bricoleur e histórico adaptador literario (os arrecendos e sutilezas dos mundos de Shakespeare ou Kafka), Welles é un creador visual de inesgotable xenio, un manierista extraordinario subxectivizador de formas. Santos Zunzunegui compara a súa disposición estética, estética da transcrición, coa de Picasso –precisamente comezamos o ciclo con F for Fake / Fraude, un filme que combina dous aspectos cruciais da produción de Welles, a afección pola mistificación e a miscelánea de materiais- ou coa de Stravinsky. Os tres coinciden no desexo común de construción dun estilo propio a través do coñecemento e da reelaboración espléndida da herdanza, das achegas previas e históricas.
O talento de Welles marca a súa carreira. Mais o seu talante impide tamén que sexa unha outra. A inusual franqueza, a pelexa pola liberdade artística e as constantes friccións coa industria de Hollywood, fan que Welles pase de neno consentido –a estrea maiúscula de Ciudadano Kane así o proba- a francotirador buscavidas. Unha traxectoria digna sempre de (re)visión.