Yvonne Rainer: cuestionar a representación
Do 26 de novembro de 2026 ao 23 de decembro de 2026
Yvonne Rainer: o cine como campo de experimentación
Dedicar hoxe unha retrospectiva a Yvonne Rainer ten algo de xesto de reparación. Non porque a súa figura permanecese completamente fóra da Historia da vangarda artística –a súa influencia na danza contemporánea e a arte conceptual están amplamente recoñecidas–, senón porque o seu traballo cinematográfico segue sendo moito menos coñecido e menos accesible do que merece. Poder ver xuntas as películas que realizou entre 1972 e 1996 é unha oportunidade para descubrir (ou redescubrir) unha das experiencias máis singulares do cine moderno. E facelo por primeira vez en Galicia converte esta retrospectiva da Filmoteca de Galicia nunha ocasión especialmente significativa e emocionante.
A traxectoria de Rainer foi obxecto xa de varias retrospectivas en España (as que lle dedicaron o Museo Raíña Sofía e o MACBA en 2008 ou a de Filmoteca de Catalunya en 2023). Con todo, seguimos pensando nela sobre todo como unha figura clave da renovación da danza, e moito menos como a cineasta extraordinaria que tamén foi. E hai aquí todo un fértil e poderoso territorio a reivindicar. Rainer (San Francisco, 1934) non foi simplemente unha coreógrafa que un día decidiu facer cine. Senón que atopou alí, precisamente, outro espazo paralelo desde o que seguir experimentando, cuestionando as convencións e poñendo en dúbida moitas das ideas sobre as que se sostiñan (e seguen a soster hoxe) a arte e a sociedade do momento.
Figura fundamental da danza posmoderna norteamericana e membro fundador do Judson Dance Theater, Rainer protagonizara nos anos sesenta, antes de achegarse ao cine, unha profunda transformación das artes escénicas. Fronte á espectacularidade e o virtuosismo da danza clásica, Rainer fixárase nos movementos cotiáns, os xestos máis simples e, en definitiva, as accións que ata entón parecían non ter ningún interese coreográfico. Camiñar, correr, levantar un obxecto ou permanecer inmóbil podían ser tamén danza e iso é, en boa medida, o que reivindica no seu soado No Manifesto de 1965, unha declaración de intencións que tiña tamén moito de provocación. E é xusto esa actitude a que trasladará anos despois ao cine. As súas películas forman, de feito, un dos conxuntos máis privados e estimulantes do cine de vangarda da segunda metade do século XX. Desde Lives of Performers (1972), a súa primeira longametraxe, ata Murder and Murder (1996), Rainer constrúe un cine que se resiste á transparencia narrativa e á identificación emocional directa do espectador. As súas películas mesturan ficción e documental, imaxes de arquivo, citas, fotografías, textos, voces en off ou intertítulos para romper co sentido narrativo lineal e facer avanzar os seus filmes a través de asociacións, interrupcións ou repeticións. As imaxes non sempre acompañan o que din as voces, nin as palabras explican o que vemos. A miúdo, unhas e outras parecen ir por camiños distintos e o relato fragméntase, contradise ou volve sobre si mesmo para obrigarnos a buscar as nosas propias conexións.
Mais sería un erro quedar unicamente na experimentación formal. En Rainer, as películas nunca están desconectadas do mundo: o seu xeito de filmar e de construír os relatos ten moito que ver con aquilo que quere poñer en cuestión. O seu cine, dunha enorme e mesmo sorprendente vixencia, aborda cuestións que hoxe seguen ocupando un lugar central nos debates contemporáneos. O feminismo atravesa toda a súa filmografía, desde a análise das relacións sentimentais e as estruturas de poder que condicionan a experiencia das mulleres en Film About a Woman Who… (1974) e Kristina Talking Pictures (1976), ata a revisión crítica dos papeis de xénero e as representacións da feminidade en The Man Who Envied Women (1985). Mais Rainer interésase tamén, e de xeito particular, polos corpos e as experiencias que o cine convencional tendeu a invisibilizar: o corpo feminino, a sexualidade lesbiana, o envellecemento, a menopausa, a enfermidade. En Privilege (1990) parte dunha experiencia historicamente silenciada como é a menopausa, para despregar unha reflexión moito máis ampla sobre as relacións entre xénero, raza e clase, e sobre os mecanismos que producen e perpetúan os privilexios. E en Murder and Murder (1996), aborda o desexo e a intimidade entre dúas mulleres maduras, cuestionando tanto a invisibilidade das relacións lesbianas como unha cultura que identifica a sexualidade feminina coa mocidade e a heterosexualidade. No fondo, hai unha pregunta que atravesa as súas películas: quen aparece nas imaxes, quen queda fóra, quen ten dereito a contar unha historia e desde onde se conta? Nos seus filmes aparecen unha e outra vez reflexións ao redor das desigualdades de xénero, raza e clase, pero tamén sobre as relacións de contradición entre individuo e historia, poder e violencia. No seu cine, ademais, o íntimo (mesmo o autobiográfico, que tamén aparece en moitas das súas propostas) non aparece como algo illado das estruturas sociais e políticas. O seu cine é político tamén porque non nos ofrece respostas pechadas, desconfía das formas convencionais de contar e obríganos a mirar doutro xeito.
Volver hoxe ás súas películas é moito máis que recuperar unha figura esencial da vangarda norteamericana. Significa reencontrarse cunha cineasta que entendeu a experimentación como unha forma de liberdade e de resistencia e que se serviu do cine para interrogar o mundo. As súas películas lémbrannos que experimentar coas formas non significa afastarse do mundo, senón que pode ser precisamente un xeito de achegarse a el e de descubrir cousas que doutro xeito non veriamos. Volver a Rainer hoxe é unha experiencia tremendamente valiosa.
Todos os textos do programa por Jara Yáñez.
Feelings Are Facts: The Life of Yvonne Rainer
Lives of Performers
Film About A Woman Who...
Kristina Talking Pictures
Journeys from Berlin/1971
The Man Who Envied Women
Privilege