Privilege
Daniel Martin Berkey, Blaire Baron, Gabrielle Made, Novella Nelson, Alice Spivak, Yvonne Rainer, Rico Elias
- 102 min.
A película pon en escena unha situación xa habitual no cine de Yvonne Rainer como é a da entrevista. Neste caso unha cineasta afroamericana ficticia (interpretada por Novella Nelson) traballa nun documental para o que conversa con Jenny, unha muller branca de mediana idade que lembra episodios da súa mocidade no Nova York dos anos sesenta. Pero de novo o dispositivo desbórdase e fragmenta en fondo e forma. A partir dun eixo temático que podería ser a menopausa e o envellecemento na muller como lugar de invisibilidade, a película deriva á súa vez cara a asuntos que teñen que ver coa violencia de xénero, o racismo ou a desigualdade de clase. E para iso incorpora diversas voces e diferentes materiais que van desde imaxes de antigos documentais educativos sobre o corpo feminino a situacións, textos ou reflexións que introducen contradicións e serven para interromper calquera posibilidade de relato lineal. Privilege é unha película-ensaio sobre o envellecemento, o xénero, a identidade, o corpo e a representación que parte de novo do autobiográfico para seguir rompendo as fronteiras que separan o cine da vida; a ficción do real; a narrativa do ensaio.
- Ano:1990
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Yvonne Rainer
- Fotografía: Mark Daniels
- Montaxe: Yvonne Rainer, Christine Le Goff