VindeCine. O tempo de Martín Codax a través do audiovisual
Do 1 de xaneiro de 2018 ao 28 de febreiro de 2018
O CGAI súmase ao acompañamento da exposición do pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia co ánimo de ofrecer diversas visións da vida nos tempos do Medievo. A escolma deste programa, que parte dun documental recente sobre o tema, El manuscrito Vindel, de José Manuel e Luis Fernández-Jardón, resulta moi heteroxénea e pretende ir alén das cantigas de amor de Martín Codax, establecendo relacións con outras obras da literatura medieval. Así, hai nesta escolla películas que se basean en lais, romances de orixe bretoa, mais tamén presentes na península ibérica; lendas ben coñecidas doutros lugares de Europa, como a saga artúrica (destaca aquí a aproximación de Robert Bresson en Lancelot du Lac); ou mesmo algunhas que parten da tradición árabe, con As mil e unha noites como inspiración.
Ademais, os dez filmes deste ciclo non transitan só polo literario, senón que, tratándose o cine dunha arte visual, procuran tamén paralelismos na pintura. Coma exemplos a fita Maestà, que é unha sorte de reprodución posmoderna con personaxes deslinguados que falan un francés popular e contemporáneo dun políptico do século XIV sobre a paixón de Cristo; ou a película rusa Qué difícil es ser un Dios, que se inspira na obra pictórica de Brueghel o vello en varias das súas secuencias, alén de ser unha aproximación moi descarnada e realista ao exercicio da violencia neses tempos.
En cuestión de estilos, hai filmes de época que reproducen moi ben esa ambientación medieval, con fontes históricas contrastadas, outros máis lixeiros de aventuras – véxase o clásico Los vikingos de Richard Fleischer, cunha estupenda fotografía de Jack Cardiff – e ata unha comedia tan disparatada como Los caballeros de la mesa cuadrada dos Monty Python. Por tanto, a aposta non é cinguirse de forma estrita ao rigor histórico nin ficar na literatura medieval máis próxima ao manuscrito Vindel, senón tomarmos isto como unha oportunidade para abranguer unha serie de obras destacables coa temática medieval como nexo de unión.