Qué difícil es ser un Dios
Trudno byt bogom
Leonid Yarmolnik, Aleksandr Chutko, Yuriy Tsurilo
- 177 minutos
Un grupo de científicos é enviado a Arkanar, planeta onde impera un réxime tiránico nunha época que se parece estrañamente á Idade Media.
Mentres os intelectuais e os artistas autóctonos son perseguidos, os investigadores teñen por obriga non interferir no curso político e histórico dos acontecementos. Desobedecendo os seus superiores, o misterioso Don Rumata, a quen o pobo atribúe poderes divinos, vai desencadear unha guerra por salvar a algúns homes da sorte que lles foi reservada…
Adaptado da novela de ciencia-ficción de Arcadi e Boris Strugatski, autores de Stalker.
(Capricci)
-
Qué difícil es ser un dios, de Arkadi e Borís Strugatski
Proposta de lectura (a novela na que se basea o filme)
Trailer do filme
Versión orixinal subtitulada
En Qué difícil es ser un dios, os irmáns Arkadi e Boris Strugatski, cuxo Picnic junto al camino inspirou Stalker (1979) de Andrei Tarkovski, converteron en perdurable materia literaria os desvelos dun historiador terrícola, observador nun planeta extraterrestre ancorado nunha perpetua Idade Media. Nos tormentos interiores dese protagonista obrigado a non intervir nunha realidade escura podíase ler unha clara metáfora da dor do intelectual atado de pés e mans baixo un estado totalitario.
En 1989, para desesperación dos Strugatski, que sempre soñaron cunha adaptación asinada polo radical Aleksei German, o alemán Peter Fleischmann levou a novela á pantalla en El poder de un dios, unha superprodución tan aparatosa como académica que os escritores se encargaron de repudiar publicamente. Nin os Strugatski, nin o propio director da película viviron para velo, mais, finalmente, o soño dos autores —e (case) o titánico proxecto dunha vida para German: un proceso creativo de trece anos— é, finalmente, unha realidade: coas súas preto de tres horas de esixente metraxe, Qué difícil es ser un dios, o impoñente documento achado entre as ruínas dun pasado remoto, asoballa o espectador e demostra a vixencia da mensaxe do libro, escrito en 1964, nuns tempos en que, como nunha versión de andar por casa do protagonista, calquera pode seguir en tempo real o avance dunha nova Idade Escura contemplando un telexornal.
Se en Blanche (1972), Walerian Borowczik creou a ilusión dunha película rodada en plena Idade Media a través de movementos de cámara e composicións de plano inspirados en retablos medievais, German tomou como referencia as pinturas de Brueghel o vello para convocar un universo orgánico, agoniante, emético e inabarcable, capturado en cru e texturizado en branco e negro, que a súa cámara percorreu en virtuosos e poderosos planos secuencia, habitados polo embrutecemento dunha masa cómplice, na súa brutal inercia, dun poder en perpetua guerra contra a intelixencia e a sensibilidade. Qué difícil es ser un dios propón un incómodo mergullo na barbarie sen bombona de osíxeno: unha obra maior que pide (e merece) entrega incondicional.
Jordi Costa, El País