
Los vikingos
The Vikings
Kirk Douglas, Tony Curtis, Ernest Borgnine
- 116 minutos
Einar e Eric, dous viquingos enfrontados, unen forzas para rescatar a princesa Morgana, da que ambos os dous están namorados, do seu cativerio no castelo do rei de Inglaterra.
- Ano:1958
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Calder Willingham, Dale Wasserman
- Fotografía: Jack Cardiff
Cristiáns e pagáns. Dúas beiras, e un negro, neboento mar. Organizadas xerarquías tras barricadas de pedra e bébeda histeria na brétema do océano. Los vikingos, unha infravalorada reliquia do apoxeo das superproducións en 70 mm e tan divertida como un filme pode chegar a ser, está cortada pola simplicidade bifurcadora dun conto de fadas: uns bárbaros secuestran a virxinal princesa do momento, avivando a rivalidade entre dous irmáns bastardos e a guerra entre clans. É un filme de empastado groso a base de brochadas, sen piedade na súa indulxencia cara a marcados contrastes. Cerimonias rituais honran novas unións no seo da realeza británica e xustapóñense aos festexos rabelesianos alimentados de escumosas xerras de cervexa e testosterona. E o choromicas, saurio rei da civilizada Northumbria recibe por suposto o seu máis extremo contrario: o traga-licores, toca-cus, vertixinosamente amoral paterfamilias dos viquingos.
Filmada en exteriores nos fiordes noruegueses polo lendario Jack Cardiff, o filme loce envolveito dunha bela superficie. Maxestosos navíos viquingos brillan entre elevados muros de pedra, coa cámara que flota a miúdo xusto por enriba da superficie da auga para capturar os seus marmóreos reflexos. Ceos azuis, verdes pradeiras costeiras e terrosas roupaxes irradian da fotografía en Technicolor, co director Richard Fleischer termando dos planos principais alén do que dita a lóxica para que poidamos saborear todos estes detalles.
Carson Lund, Slant Magazine