![Lancelot du Lac](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/lancelot_du_lac.jpg?itok=DP455pCo)
Lancelot du Lac
Luc Simon, Laura Duke Condominas, Humbert Balsan
- 85 minutos
Adaptación da saga artúrica por parte de Robert Bresson, centrada na volta de Lancelot a Camelot e nos seus sentimentos cara á Xenebra.
- Ano:1974
- Países de produción: Francia
- Fotografía: Pasqualino De Santis
Tras a infrutuosa busca do Santo Grial, os cabaleiros da Mesa Redonda que aínda sobreviven, regresan cansos e con fastío ao castelo de Camelot. Alí, Lancelot (Luc Simon) debe facer fronte aos fortes lazos amorosos que o unen á raíña Xenebra (Laura Duke Condominas).
Lancelot du Lac constitúe, non había outra opción tratándose dunha película de Bresson, unha das máis persoais e singulares incursións da sétima arte na lenda artúrica.
O director francés sempre propuxo a necesidade de desvincular o cinematógrafo (como el o chamaba) do teatro, a música, a pintura ou a literatura, para convertelo nunha arte autónoma. Consideraba que a partir da montaxe (elemento singularmente cinematográfico), o cine debía comezar a busca dunha sintaxe propia e independente do resto das artes. Liberando o esencial dos artificios inherentes a calquera espectáculo, Bresson, igual que Dreyer e Ozu, foi depurando ao longo da súa carreira unha linguaxe baseada na renuncia e a sobriedade: só o ascetismo estilístico podía conducir ao achado da beleza máis pura. Lancelot du Lac é, nese sentido, unha obra incuestionablemente consecuente coas súas ideas teóricas; aínda que debe situarse por debaixo das súas obras maiores.
Que ninguén espere atopar nesta recreación do mito artúrico acción, loitas de espadas, un deseño de produción espectacular ou un vestiario para abraiar ao estilo de Hollywood. A Bresson interésalle máis o espírito que a forma, de aí que se valla da máis absoluta austeridade para relatarnos unha historia de amor e lealdade. Nela, Lancelot debátese entre diversas fidelidades (cara ao seu Deus, cara ao seu rei e cara á súa amada) que atormentan a súa desencantada alma. Un halo de funesto misticismo embarga toda a metraxe, anticipando o ocaso dun mundo que está a piques de desaparecer.
A falta de banda sonora (o realizador prescinde da música agás nos títulos de crédito iniciais), o silencio e os sons diexéticos cobran unha especial relevancia (o estalar das armaduras, o trote dos cabalos, o vento que ondea os estandartes…). A narración é pausada, moi pausada; as situacións que presenta a trama, escasas; e os personaxes, dunha psicoloxía introspectiva. Nada disto debe verse coma un defecto. Simplemente trátase do estilo Bresson. Ou tómalo ou ou déixalo.
Notable exercicio dunha das personalidades esenciais do cine europeo de todos os tempos.
Ricardo Pérez Quiñones, Esculpiendo el tiempo