Valie Export
Do 7 de marzo de 2018 ao 13 de marzo de 2018
Valie Export é unha artista austríaca nada en Linz en 1940. Dicimos artista e non cineasta porque non só fixo cine no sentido tradicional do termo, tamén sobranceou en escultura, fotografía e nunha arte da que é a indiscutible pioneira: as performances en que se utiliza o corpo feminino coma elemento artístico, un claro antecedente do que representan na actualidade os traballos artísticos de, por exemplo, Marina Abramovich. En todos estes campos, a nosa protagonista fixo uso de toda unha panoplia de recursos e modalidades expresivas para lanzar unha mensaxe determinada, concreta, porque en Valie Export a arte e a política, entendida esta no máis amplo sentido do termo, percorren camiños paralelos. Deste xeito, resulta imposible descontextualizar o seu traballo de denuncia da sociedade patriarcal ou dos remanentes do nazismo aínda presentes na sociedade austríaca na segunda metade do século XX. Ambas son exactamente o mesmo, o fondo e a forma uníndose nunha conxunción que converte Valie Export nunha referencia ineludible para entender os movementos artísticos e sociais do noso pasado e do noso presente.
O foco está formado por dúas longametraxes:
Invisible Adversaries, de 1977, a súa ópera prima. Unha fotógrafa descobre que unha raza extraterrestre está a ocupar os corpos dos seres humanos. Reescritura dende unha perspectiva feminista do clásico La invasión de los ladrones de cuerpos de Don Siegel en que a autora usa técnicas do cine experimental.
The Practice of Love, de 1985, a súa película máis coñecida. Nela, a protagonista, coma sempre unha muller, oscila entre dúas historias de amor con dous homes, grazas, ou por culpa das cales, coñecerá o verdadeiro significado do machismo, da forma corrupta de entender as relacións nunha sociedade patriarcal.
Ademais destas dúas longametraxes, o foco de Valie Export ofrece un programa con diferentes curtametraxes, dende as máis tradicionais (se é que se pode usar este adxectivo co cine da artista austríaca) ata os máis performáticos, é dicir, aqueles en que a propia Valie utiliza o seu corpo como arma para transmitir o seu discurso.
Martín Cuesta
Festival Internacional de Cine de Xixón