Programamos do 21 de marzo ao 10 de maio un ciclo cinematográfico co que rendemos homenaxe a Chema Prado, director de Filmoteca Española entre 1989 e 2016, programador desta desde 1975 e, ante todo, amigo e mentor da cinemateca galega desde a súa posta en marcha hai 28 anos. Con motivo desde tributo, o CGAI deulle carta branca a Prado para programar unha serie de películas que marcaron tanto a súa traxectoria profesional como vital, ademais de recibir na Coruña a algunhas das amizades persoais deste galego, natural de Rábade, como é o caso de Marisa Paredes e John Malkovich.
Ao mesmo tempo que desenvolvía o seu labor en Filmoteca Española, Prado axudou a formar o persoal da cinemateca galega desde os seus inicios. Así mesmo, grazas a el leváronse a cabo colaboracións entre ambas as entidades para numerosos traballos de restauración e a súa intervención foi fundamental para o ingreso do CGAI na Federación Internacional de Arquivos Fílmicos (FIAF), selo de recoñecemento mundial.
Ciclo e exposición
Agora, o CGAI agradécelle o seu inestimable apoio co ciclo 'Vai e Vem. Carta branca a Chema Prado', que toma o seu título da última película de João César Monteiro e é froito da colaboración con diversas cinematecas internacionais de prestixio na cesión de copias para seren proxectadas na Coruña. Esta homenaxe conta, ademais, coa implicación do Concello coruñés na organización no Pazo Municipal de María Pita dunha exposición coa obra fotográfica de Prado, quen ao longo da súa ampla carreira tivo a oportunidade de retratar numerosas personalidades do cinema internacional.
A escolma do CGAI desenvolverase ao longo dunha vintena de sesións durante as que se pasarán títulos míticos, pero tamén rarezas que resultarán un descubrimento ata para o público máis cinéfilo. Todas elas son películas que, dalgunha maneira, marcan a traxectoria profesional de Chema Prado e lle resultan especialmente próximas pola participación nelas dalgúns dos seus amigos persoais.
Estrelas do cine internacional na Coruña
É o caso da intérprete Marisa Paredes, quen acompañará a Chema Prado na apertura do ciclo o vindeiro xoves 21, coa proxección na filmoteca galega de La flor de mi secreto, de Pedro Almodóvar. Este filme, o terceiro dos seis nos que Paredes se puxo ás ordes do director manchego, supuxo un punto de inflexión na súa carreira interpretativa, ademais de valerlle o premio á mellor actriz no prestixioso festival de Karlovy Vary.
Ao día seguinte, venres 22, será John Malkovich –que mantén unha estreita relación con Prado desde hai anos– quen estará na Coruña para introducir a proxección de El cielo protector, filme do recentemente falecido Bernardo Bertolucci, nunha sesión especial que acollerá o Teatro Colón. O actor, produtor e realizador estadounidense tamén presentará o sábado 23 no CGAI Pasos de baile, película dirixida por el e protagonizada por Javier Bardem.
O pase de El cielo protector no Teatro Colón levarase a cabo en colaboración co Concello da Coruña, do mesmo xeito que o de Stop Making Sense, de Jonathan Demme, que terá lugar o 26 de abril neste mesmo espazo.
No programa seleccionado por Chema Prado para o CGAI atópanse tamén nomes como Jim Jarmusch, do que se exhibe Dead Man, ademais de You Are Not I, de Sara Driver, na que exerce de director de fotografía. Este último filme, unha rareza difícil de ver, entra na categoría doutros como Route One U.S.A., de Robert Kramer, as películas de Raúl Ruiz O Território e El techo de la ballena ou a recentemente restaurada Il bacio di Tosca, de Daniel Schmid. Deste xeito, o ciclo ofrécelle ao público galego unha oportunidade única de coñeceren fitas de difícil acceso nas mellores condicións técnicas posibles.
Nesta selección hai lugar, así mesmo, para grandes nomes do cine portugués e español, como Víctor Erice, Iván Zulueta, Manoel de Oliveira e João César Monteiro, entre outros.