
Underground U.S.A.: Kenneth Anger, Robert Kramer & Jonas Mekas
Do 1 de decembro de 1999 ao 23 de decembro de 1999
Kenneth Anger é unha das figuras máis floridas do underground. Presume de ter sido actor infantil na versión «Soño dunha noite de verán» de Max Reinhardt e mantén desde sempre unha relación fascinación-odio con Hollywood, como se fai evidente no seu mítico libro de super-chismes «Hollywood Babilonia» (a primeira versión, sen expurgar, publicouse en 1960), a súa mentalidade pop lévao a presidir o Betty Boop Fan Club, a colecionar os cómics de Flash Gordon e a levar a banda sonora da, por outro lado blasfema, «Scorpio Rising» con trece temas populares. Pero a súa personalidade, e a súa obra, ten o seu lado escuro: durante unha época foi seguidor do mestre de ciencias ocultas Alistair Crowley (véxase o repertorio de deuses pagáns que desfila por «Inauguration of the Pleasure Dome») e en «Lucifer Rising» o propio Anger interpreta un mago que invoca o espirito do demo. Se engadimos a isto a súa inquietante definición do medio no que traballa («A fotografía é un intento aleivoso de roubar a alma») non estraña que o seu cine fose cualificado de luciferino. Pero Anger, mago ou non, o que busca é establecer unha mitoloxía propia, seguindo os pasos do seu admirado Cocteau. Desde 1966 agrupa a súa obra, que retoca continuamente, no Magick Lantern Cycle, empezando por «Fireworks», unha das películas que deu orixe á expresión «trance film».
Newsreel, un «servicio de noticias radical» que se pretende unha alternativa á intoxicación oficial. Robert Kramer é un dos seus fundadores e traballa na producción colectiva duns 50 documentais de axitación. A súa sona como cineasta débese sen embargo ás súas longametraxes propias, nas que non abandona nin moito menos a súa condición militante pero si a somete a un traballo de reflexión que Ile valeu o rexeitamento dalgúns dos seus compañeiros. Cineasta viaxeiro e cheo de curiosidade humana e política, ofrece esta fermosa definición da súa «forma de mirar» a realidade: «Nunca me gustou diferenciar entre os documentais e as películas de ficción (...) sobre todo porque a relación entre a cámara (e o que hai detrás) e o situado diante do obxectivo -o contracampo- é sempre primordialmente subxectiva ou de ficción». O ciclo ofrece as longametraxes que segundo Kramer forman o «primeiro capítulo» da súa obra, centrada no Novo Mundo o seu pais natal, antes de exiliarse a Paris en 1980. Van desde «The Edge», que trata do efecto que produce nun grupo de amigos o plan de matar o presidente dos Estados Unidos (un presidente moi concreto: Johnson), ata «Milestones», que é unha exploración de alcance máis amplo da cultura de oposición non organizada (a diferencia do chamado Movement o fronte de disenso) que cristalizara ó longo dunha década de resistencia.
Jonas Mekas é o profeta do New American Cinema. A través da súa revista Film Culture e dos seus artigos no influente Village Voice (recompilados no libro «Movie Journal») lanzou a imaxe do grupo e axudou a cohesionalo como tal, prolongando a fase inicial de propaganda coa institución da Film Makers Cooperative e logo dos Anthology Film Archives. O seu ton era mesiánico e naif, falaba do renacemento espiritual que traía consigo un cine que era como a vida: «non queremos filmes ben acabados pero falsos: querémolos torpes e groseiros pero vivos. Non os queremos cor de rosa senón cor de sangue» a obra do Mekas cineasta cumpre estes postulados ampliando a imediatez emocional dos home movies con técnicas de collage e unha peculiar utilización da montaxe, técnica que alcanza especial brillantez en «Notes on the Circus». Seguindo a tradición da corrente poética do underground, busca identificar os efectos de cámara coa conciencia do cineasta. «The Brig» é un acto de espionaxe artistica, unha intrusión de Mekas nunha función do mítico Living Theater. «He Stands in a Desert Counting the seconds of his life» é unha crónica de eventos e personalidades da vangarda neoiorquina. «Reminiscences of a Journey to Lithuania» é un emocionante retorno do cineasta ó seu país natal tras 25 anos de ausencia, unha home movie que dá carta de nobreza artística a este pequeno xénero. E «Happy Birthday to John Lennon», incluída en ciclo a suxerencia do propio Mekas, é quizais o seu xeito de celebrar de forma anticipada os 60 anos que tería cumprido o noso beatle favorito.
por Antonio Weinrichter
En colaboración con: Festival Internacional de Cine de Gijón, Filmoteca de la Generalitat Valenciana.

Fireworks

Eaux d'artifice

Inauguration of the Pleasure Dome

Invocation of my Demon Brother

Scorpio Rising

Rabbit's Moon

Lucifer Rising

The Edge

Milestones

Notes on the Circus

Reminescences of a Journey to Lithuania

Happy Birthday to John
