Su Friedrich. Lazos que unen
Do 21 de marzo de 2024 ao 2 de abril de 2024
Cunha clara conciencia feminista e humanista, grandes doses de honestidade, sensibilidade e un fino sentido do humor, desde finais dos setenta ata a actualidade a cineasta estadounidense Su Friedrich rodou máis de vinte películas que parten das súas experiencias persoais, emocións, soños, medos e desexos para explorar formas de autocoñecemento e coñecemento do mundo a partir dunha serie de procesos íntimos —o amor, a sexualidade, a enfermidade—familiares —a relación co pai, a traxectoria vital da nai— e sociais —a xentrificación, o activismo lésbico—. Cada obra supón unha peza adicional dunha sorte de autorretrato ensaístico que confirma o lema «o persoal é político».
Su Friedrich naceu en New Haven (Connecticut) en 1954. Estudou na Universidade de Chicago (1971-72) e no Oberlin College (1972-1975), onde se licenciou en Arte e Historia da Arte. En 1976, tras unha viaxe de seis meses polo norte e o oeste de África, mudouse a Nova York para desenvolver o seu traballo como fotógrafa. Ao ano seguinte, asistiu a un curso de cine en Super 8 nun espazo alternativo do ámbito do cinema experimental, Millennium Film Workshop, que lle descubriría a súa verdadeira vocación. Do Super 8 das súas primeiras curtametraxes pasou a 16 mm e, desde 2004, roda as súas películas en vídeo dixital.
Escritas, filmadas, montadas e sonorizadas por ela (salvo puntualísimas excepcións) desde unha gran liberdade formal, que presta especial atención á xustaposición de textos, sons e imaxes de variada procedencia, as súas películas teñen a virtude de resultar accesibles e divertidas para un amplo rango de públicos, tanto cinéfilos como xeneralistas, mesmo os non afeitos ao cine experimental, feminista ou queer.
Sobre a súa relación coa primeira destas etiquetas, a cineasta escribiu: «Na medida en que sempre me desgustou (e tentei evitar) o termo “cine experimental”, hoxe en día penso o mesmo do termo “documental experimental”. (...) Sería moito mellor que chamaramos documentais aos nosos traballos e deixaramos que os tradicionalistas se retorzan nas súas butacas (ou cadaleitos) ao ver que algo tan “experimental” se afirma simplemente como documental. Por que deben ser eles os que diten como se documenta o mundo? Por que as súas obras son “documentais” e as nosas “documentais experimentais”? (...) Unha das leccións que aprendín hai moitos anos como moza lesbiana foi que, se falaba de min mesma como o outro, trataríanme como tal, mentres se falaba de min como un ser humano máis, trataríanme desa maneira. Creo que deberiamos vernos como documentalistas cando documentamos o mundo real. O feito de que sexamos equipos dunha soa persoa, nos infiltremos nas nosas historias, compoñamos dunha maneira non convencional e montemos para múltiples lecturas en lugar de para unha narrativa lineal non significa que non esteamos facendo documentais. Deixemos que outros suen se iso os incomoda: non debemos situármonos fóra da historia do cine documental, xa que formamos parte dela en gran medida».
En paralelo ao seu labor como cineasta independente, Su Friedrich traballou durante anos maquetando libros e revistas con ferramentas analóxicas. Máis tarde comezou a dar clases en diferentes centros de ensino de cine como The New School y NYU. Desde 1998, é profesora de produción de cine e vídeo na Universidade de Princeton. Tamén se enredou en proxectos coma a creación dunha web sobre o cineasta afroamericano William Greaves ou como Edited By, unha base de datos en liña dedicada a recompilar información sobre mulleres montadoras de cinema.