Su Friedrich. Programa 4
- 122 min.
The Odds of Recovery (2002, 65 min) + Today (2022, 57 min)
Dúas das películas máis explicitamente autobiográficas de Su Friedrich.
Desde a desesperación, a crítica e o humor, a autora explora en The Odds of Recovery o desgaste físico e emocional que lle carrexou o rosario de operacións e problemas médicos que sufriu ao longo da vida. Friedrich mostra sen enganos as cicatrices do seu corpo, os seus medos, as súas preocupacións e as súas dúbidas sobre a capacidade das institucións médicas para tratar adecuadamente determinadas enfermidades.
Filmado ao longo de máis de cinco anos (desde 2016 ata 2021, é dicir, tamén durante a pandemia), Today, o seu último traballo ata o momento, recolle a cotiandade da autora, desde o máis mundano ata o máis marabilloso ou o máis devastador, como a perda dos seus seres queridos. Baixo unha aparencia sinxela e informal, a película vehicula unha reflexión lúcida e emotiva sobre a pasaxe do tempo e o que supón facerse adulto, e tamén é unha chamada a vivirmos o momento presente con plena atención e conciencia, a coidarmos a comunidade da que formamos parte e a apreciarmos os pequenos momentos que nos conectan e nos reconfortan.
- Ano:2002-2022
- Países de produción: Estados Unidos