![El extraño viaje](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/el_extrano_viaje-438824446-large.jpg?itok=deEqz19f)
El extraño viaje
Carlos Larrañaga, Tota Alba, Lina Canalejas, Rafaela Aparicio, Jesús Franco
- 92 min.
Nunha praia mediterránea aparecen dous cadáveres. Corresponden a dous irmáns, viciños dun pequeno pobo, onde vivian de antigas rendas en compañía doutra irmá.
- Ano:1964
- Países de produción: España
- Guión: Manuel Ruiz Castillo, Pedro Beltrán (Argumento: Luis García Berlanga)
- Fotografía: José Fernández Aguayo
Comentario polo centenario do cinema. Ciclo Huellas de luz.
Santos Zunzunegui
Aínda nunha obra tan chea de excepcións ás regras canónicas da cinematográfia ó uso como é a de Fernán-Gómez, El extraño viaje preséntase como un condensado de boa parte das liñas que contribuiron a dar entidade a determinada tradición española. Tradición que a película reivindica abertamente. Primeiro, o esperpento patente na caracterización desa familia de irmáns solteiróns que sobreviven nun pequeno pobo, illados do resto dos seus conviciños e prisioneiros das suas obsesións. Admirablemente caracterizados, prestan uns corpos singulares -a osuda verticalidade dun oponse á sebácea redondez dos outros dous, nunha especie de afastada referencia quixotesca- á etérea abstracción de temas como a represión sexual ou o cinismo dos costumes establecidos. Despois, a astracanada e o sainete. Sobre a historia planea a pegada de Fernández Flórez e Arniches, pero sobre todo a dun autor como Muñoz Seca, para o que as situacións son tanto máis interesantes canto máis disparatadas. Finalmente, a zarzuela. Convocada desde o punto de vista da parodia e irrisión da mesma na súa variante «grande», pero utilizándoa tamén como esqueleto infraestructural sobre o que insertar a nómina dos personaxes: o dúo protagonista, o dúo cómico, os coros de anciáns ou chismosas, etc. Sobre semellante material de partida a mirada de Fernán-Gómez adoptará o disfraz dunha escritura case clásica. Aquí reside o a veces lembrado parentesco co Buñuel frecuentador dun humor negro tamén de recio raigame nacional. E nesa opción de describir un universo marxinal desde unha posición que non vacila en utilizar gran parte dos elementos que configuran o relato cinematográfico tradicional para mellor socavar as bases do mundo descrito, onde pode atoparse a clave da relación entre o Fernán-Gómez de El extraño viaje e Buñuel.