
Su Friedrich. Programa 1
- 78 min.
Gently Down the Stream (1981, 13 min) + Hide and Seek (1996, 65 min)
Gently Down the Stream, un dos primeiros traballos de Su Friedrich e dos máis experimentais, constrúese a partir dun conxunto de soños que revelan un conflito entre a súa educación católica e o seu desexo lésbico. Os textos aparecen raiados directamente sobre a emulsión da película, mentres as imaxes se relacionan con eles de maneira tanxencial e evocan así o estado de desconcerto e dislocación característico do soño.
Hide and Seek trata un tema similar á anterior, se ben aquí coas ferramentas do documental —un conxunto de entrevistas a lesbianas adultas sobre a súa adolescencia— e da ficción —a historia de Lou, unha nena que descobre a súa orientación sexual na década dos sesenta—. O xerme da película está nunhas camisetas coa frase «I was a lesbian child» [Eu fun unha nena lesbiana] que lucían durante unha das súas accións reivindicativas unhas activistas das Lesbian Avengers, un grupo pola visibilidade lésbica en que participaba Su, quen caiu na conta ao velas de que probablemente ninguén tratara antes no cine esta cuestión.
- Ano:1981-1996
- Países de produción: Estados Unidos