![Su Friedrich. Programa 3](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/0_3._programa_the_ties_that_bind_3_0.jpg?itok=o-BNYddm)
Su Friedrich. Programa 3
- 97 min.
The Ties That Bind (1985, 55 min) + I Cannot Tell You How I Feel (2016, 42 min)
A nai da cineasta, Lore Friedrich, é o fío condutor desta sesión.
A partir dunha serie de preguntas que lle formula a filla, The Ties That Bind recolle da súa propia voz as súas experiencias xuvenís na Alemaña nazi ata que emigrou aos Estados Unidos despois da Segunda Guerra Mundial. En I Cannot Tell You How I Feel, 30 anos despois, coa nai xa senil, asistimos ao seu traslado non voluntario desde o seu piso de Chicago a unha residencia preto de Nova York, onde viven Su e os irmáns. A película pon no centro a responsabilidade dos fillos adultos no coidado de seus pais maiores e reflicte de maneira traxicómica a angustia que xera esta situación universal coa que resulta fácil empatizar.
O arco temporal que separa ambas películas pon de manifesto algúns aspectos importantes da evolución do cine de Su Friedrich ao longo dos anos: a pasaxe da filmación en 16 mm ao vídeo, do branco e negro á cor, do son desligado das imaxes ao rexistro sincrónico, da cineasta fóra de campo a dentro, do laborioso rascado manual dos textos sobre a emulsión ao engadido en posprodución dixital, moito máis sinxelo, como medio para introducir tamén comentarios humorísticos non tan evidentes nas súas primeiras obras.
- Ano:1985-2016
- Países de produción: Estados Unidos