
Shinji Sōmai - Ventos de xuventude
Do 18 de marzo de 2025 ao 28 de marzo de 2025
Podo dicir con absoluta convicción que ningún cineasta xaponés fai un filme sen ser consciente da existencia de Shinji Sōmai. Así de significativa é a presenza de Sōmai na historia do cine xaponés... A calquera que queira ver unha película que teña o poder de cambiar e sustentar a súa vida, ínstolle a que vexa os filmes de Sōmai. - Ryusuke Hamaguchi, director de Drive My Car
Quizais o último gran mestre da historia do cine xaponés. - Kiyoshi Kurosawa, director de Cure
Shinji Sōmai foi o mellor cineasta da súa xeración. - Hirokazu Kore-Eda, director de Un asunto de familia
Considerado no seu país natal como o gran director xaponés xurdido da década dos oitenta, Shinji Sōmai (1948 – 2001) recibiu escasa atención fóra de Xapón. Un baleiro na coñecida ás veces como década perdida do cine xaponés, pola fin do sistema de estudios e a crecente importancia do cine independente (territorios fronteirizos nos que Sōmai tan ben se soubo mover), que se foi corrixindo a nivel internacional nos últimos anos grazas a retrospectivas, restauracións e edicións en formato Blu-ray das súas películas máis coñecidas.
Desde Fundación Japón quixémonos sumar a este labor de recuperación da obra desta figura esencial do cine xaponés das décadas dos 80 e 90 coa retrospectiva ‘Shinji Sōmai - Ventos de xuventude’, na que poderemos ver ata sete das súas trece películas, moitas delas por primeira vez en salas de cine de España.
Unha escolma que presta especial atención a un dos xéneros que tan ben soubo explorar, as seishun eiga -ou películas xuvenís- coas que realiza os seus retratos do final da infancia e o choque dos seus personaxes adolescentes co mundo dos adultos. Sete películas que tamén nos mostran á perfección a súa capacidade para experimentar, xogando con diferentes estilos e combinando xéneros.
Grazas á colaboración de Cineteca Madrid, Filmoteca de Catalunya, a Filmoteca de Valencia e Filmoteca de Galicia, a retrospectiva ‘Shinji Sōmai - Ventos de xuventude’ visitará entre febreiro e marzo Madrid, Barcelona, Valencia e A Coruña.
Con este ciclo esperamos ofrecer unha valiosa mostra da obra deste orixinal e visionario director que, cun estilo único, caracterizado polo seu uso maxistral das tomas longas coas que seguía o ritmo natural dos seus personaxes, foi unha das principais influencias de directores como Shunji Iwai, Kiyoshi Kurosawa, Hirokazu Koreeda ou Ryūsuke Hamaguchi e, en xeral, do cine xaponés contemporáneo.
Foto de portada: Tailor Suit and Machine Gun セーラー服と機関銃 ©KADOKAWA CORPORATION 1981
Coa colaboración de

Typhoon Club

Sailor Suit and Machine Gun

P.P. Rider

Dreamy Fifteen

Love Hotel

Stepchildren
