
Stepchildren
Yuki no dansyo – jonetsu / 雪の断章-情熱
Yuki Saito, Takaaki Enoki, Masanori Sera, Mai Okamoto, Leonardo Kuma, Kyoko Fujimoto, Kouchi Momoko
- 100 min.
Na cidade de Sapporo, Iori, unha cativa de sete anos, camiña triste polo carreiro do río. Cando está a piques de caer nel, Yuichi sálvaa e lévaa ao seu apartamento, onde sabe que é unha orfa que vive miserablemente traballando para a familia Naba, unha das máis ricas da cidade. Contra o xuízo de todos, menos do seu mellor amigo, Daisuke, decide criala el mesmo. Dez anos máis tarde, Yuko, a filla máis vella da familia Naba, visítaos. A súa morte en estrañas circunstancias converte en sospeitosa a Iori.
Imaxe ©1985 Toho Co., Ltd.
- Ano:1985
- Países de produción: Xapón
- Guión: Marumi Sasaki, Yôzô Tanaka
- Fotografía: Yukio Isohata
- Montaxe: Michiko Ikeda
- Produtora(s): Toho
-
Crítica do filme
Hayley Scanlon (Windows on Worlds, en inglés)
Trailer
VO
En perpetuo movemento
Shinji Sōmai é coñecido polos seus longos e perfectamente executados planos-secuencia. O prólogo de Stepchildren é unha única toma de 14 minutos. Unha rara avis na filmografía do director, en realidade, a quen lle gusta moito rodar en exteriores. O que vemos aquí é un claro decorado, cada unha das partes polas que se move a cámara pretende evocar elipses na infancia da súa protagonista, Iori. A ambientación non resulta nada contemporánea, claramente situámonos ante un filme de época, ou non?
Toda esta artificiosidade contrasta co universo cinético de Iori na segunda secuencia da fita, na que canta sentada nunha moto. A posición da actriz Yuki Saito en plano cenital intensifica a sensación de celeridade. As vetas do pavimento non deixan de cambiar de cor, a impresión de velocidade é maior que o que marca o velocímetro do vehículo, circulando por unha vía urbana. Estamos ante outro longo plano que, cando se abre, nos mostra outra realidade completamente distinta á da escena do comezo. Un rótulo di que pasaron 10 anos e, a partir de aí, vaise desenvolvendo a intriga dunha película que xoga sempre ao contraste. En exteriores, aproximación case documental. En interiores –cárceres mentais e ás veces moi literais para Iori– todo é artificioso, cun deseño de produción que acentúa a sensación de cartón pedra, de forzada teatralidade.
Personaxe e espazo son elementos complementarios na filmografía de Sōmai, pero nunca de forma tan decidida e radical como en Stepchildren, unha das súas fitas máis arriscadas.